Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acometerá novas obras de mellora nas estradas provinciais cun investimento de 300.000€

Lugo, 24 de setembro de 2021. A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres novas actuacións para mellorar a rede provincial de estradas cun investimento total que ronda os 300.000€ para actuacións en vías que discorren polos concellos de Sober, Pantón e Ourol.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou da adxudicación das obras para o ensanche e renovación dun novo tramo da estrada LU-P-5903, de Sober a Doade, a Fevisa Vías e Obras S.L. por un importe de 118.580€. Os traballos consistirán no ensanche da calzada ata os 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación con aglomerado, ademais da sinalización horizontal da estrada. Con esta actuación, a Deputación dá continuidade ao tramo entre o punto quilométrico 13 e o 13,740, ao que dedica outro investimento de case 100.000€. Con estes dous tramos, só quedaría outro pendente de acondicionar desta vía, subliñou García Porto.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación das obras de rehabilitación do firme de tres estradas en Pantón por preto de 170.000€ á empresa Ecoasfalt S.A. A Deputación actuará no firme da estrada LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, con Budián, en San Romao de Acebre, nun tramo de algo máis de 5 quilómetros; da LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón, nun tramo de máis de 9 quilómetros, entre os núcleos de Santa Mariña de Eiré e Marce; e da a LU-P-4114, que une Toldaos con Augas Santas, nun treito de preto de 4 quilómetros.

Neste caso, os traballos consistirán na rehabilitación integral do firme destas estradas en treitos que suman en total 18 quilómetros e o prazo de execución é de 5 meses. García Porto destacou a importancia destas actuacións porque “son vías moi utilizadas polos veciños e veciñas do concello de Pantón”.

Tamén en materia viaria, a Xunta de Goberno aprobou o modificado do proxecto para a mellora de tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Ourol. Con este cambio amplíase o orzamento inicial da obra en 50.000€, polo que o importe total finalmente investido é de 300.000€. Esta modificación “débese a que as obras, que xa están en marcha, foron aprobadas hai tempo, pero as choivas do pasado inverno empeoraron algúns dos tramos de vía e os técnicos detectaron novas necesidades”, detallou a Voceira socialista.

Apoio ao sector audiovisual
Por outra banda, a Deputación sacou adiante dúas novas colaboracións co sector audiovisual dentro da estratexia da institución de “apoiar esta industria cultural e, ao mesmo tempo, promocionar o territorio e incentivar o turismo de calidade e sostible”, explicou Pilar García Porto.

Por un lado, adxudicouse o contrato de patrocinio para colaborar coa nova película do director de cine lucense Dani de la Torre, Live is Life cunha achega de 100.000€. “Esta é unha medida que contribuirá á promoción dos recursos da provincia de Lugo, en tanto que o filme tivo a Ribeira Sacra como escenario de rodaxe, en concreto, os municipios de Pantón, Sober, Quiroga, O Saviñao e Monforte de Lemos”, sinalou a Deputada.

Por outro lado, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración con Vía Láctea Filmes a través do que a Deputación de Lugo achegará unha contía de 100.000€, Distribuída en tres anualidades, de 2021 a 2023, para colaborar coa rodaxe e produción de A Volta. Trátase do novo filme desta produtora galega, que ten ó director Ignacio Vilar á fronte, e que realizou longametraxes tan coñecidas e recoñecidas, como María Solinha, A Esmorga ou Pradolongo.

Navia de Suarna
Así mesmo, na reunión do Goberno saíu adiante un convenio de colaboración da Deputación co Concello de Navia de Suarna para a compra dunha miniexcabadora cunha achega provincial de 60.000€, o orzamento íntegro que é necesario para a súa adquisición. “Cumprimos deste xeito coa función esencial desta Deputación, que é colaborar cos concellos da provincia para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, afirmou Pilar García Porto.

Dixitalización do BOP
A Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación os traballos para dixitalizar os números do Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo entre os anos 1834 e 1961 cun importe de 83.000€. Na actualidade están dixitalizados todos os BOP dende 2003, polo que “este será un paso máis cara manter salvagardada e accesible toda esta información tan valiosa que recollen estes documentos, que conforman tamén unha parte moi importante do patrimonio e da historia da nosa provincia”, recalcou a Voceira.

Seguridade e saúde
Hoxe saíu adiante tamén a licitación do contrato para a prestación do servizo de coordinación de seguridade e saúde das obras e servizos da Deputación de Lugo por un importe de 274.664€. O contrato está dividido en dous lotes. O primeiro inclúe aquelas actuacións de todos os servizos provinciais, salvo Vías e Obras, e conta cun orzamento que ronda os 55.000€, mentres que o segundo afectará ao servizo de Vías e Obras e o orzamento achégase aos 220.000€. Ambos lotes, cunha duración dun ano e cinco meses e dous anos, respectivamente, poden prorrogarse un máximo dun ano, ata o 31 de decembro de 2024.

Emprego
García Porto anunciou a aprobación da convocatoria e as bases específicas para a constitución de dúas listaxes de emprego temporal para os postos de arquitecto/a e porteiro/a, que sairán publicadas proximamente no BOP con toda a información necesaria para que as persoas interesadas se poidan inscribir.

Exit mobile version