A Coruña, 1 de setembro de 2021. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxeron hoxe en valor a colaboración entre o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo. Esta suma de esforzos permitiu a incautación de máis de 260.000 aparellos empregados para a actividade marítimo-pesqueira ilegal e o comiso de máis 1,3 millóns de quilos de distintas especies de peixe e marisco entre os anos 2010 e 2020.
Estes son os resultados de arredor de 151.000 inspeccións neste período que derivaron no levantamento de máis de 41.400 actas de presunta infracción. Así o destacaron Alfonso Rueda e Rosa Quintana na dársena coruñesa de Oza de onde partiron a bordo da patrulleira lixeira da Xunta Punta Seixo Branco e comprobaron algunhas tarefas conxuntas de inspección que realizan o Servizo de Gardacostas e a Policía Autonómica.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que este traballo conxunto permite loitar contra o furtivismo e evitar a venda de produtos do mar fóra das vías legais da comercialización que exerce competencia desleal aos profesionais que viven da pesca e o marisqueo, ademais de velar pola saúde dos consumidores.
No caso da Policía Autonómica, lembrou que esta tarefa a través do Equipo de Resposta Policial (ERPOL), súmase a outras que leva a cabo este corpo de seguridade como a loita contra os incendios ou a protección das vítimas de violencia de xénero, así como o control do cumprimento das medidas de prevención adoptadas ante a covid-19 ou o reforzo da seguridade neste Xacobeo 21-22.
Pola súa banda, a conselleira do Mar agradeceu aos gardacostas e aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado o seu traballo conxunto e coordinado na loita contra a actividade ilegal no ámbito marítimo-pesqueiro e salientou os esforzos do Executivo autonómico na erradicación do furtivismo. A esta colaboración que o Servizo de Gardacostas e a Policía Autonómica selan de xeito anual a Xunta destinou un total de 680.000 euros no período 2010 e 2020.
Os resultados dese labor conxunto, indicou Rosa Quintana, tamén son froito do desenvolvemento de diferentes accións como o Plan de loita contra o furtivismo, unha planificación integral que botou a andar no ano 2009 e coa que se avanzou na coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado como a Policía Autonómica e a Garda Civil, e outros efectivos.
Nesta liña, lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma de España en contar cun servizo de gardacostas propio e que é unha das apostas blindadas do Goberno galego para avanzar na loita contra o furtivismo e tamén contra a contaminación mariña. Dentro desta aposta enmárcase a dotación de recursos e medios materiais como os oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos, que Gardacostas sumou ao seu equipamento. Estes medios únense ao plan de renovación parcial da frota que o Goberno autonómico está a desenvolver no Servizo de Gardacostas de Galicia e que leva acumulado máis de 12 millóns de euros de inversión.
Froito desta renovación son as catro patrulleiras lixeiras coas que conta o servizo e que son a Punta Falcoeiro, Punta Promontoiro, Punta da Guía e a Punta Seixo Branco, na que hoxe embarcaron o vicepresidente primeiro da Xunta e a conselleira do Mar e que foi a última patrulleira lixeira en incorporarse ao Servizo de Gardacostas. A isto súmase o recente contrato para o subministro de dúas patrulleiras máis e o proceso de construción dunha nova embarcación de gran porte que substituirá á Paio Gómez Chariño. Todas estas embarcacións son aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Esta modernización da frota compleméntase coa ampliación do cadro de persoal do Servizo de Gardacostas, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo, e coa renovación de máis dunha vintena de vehículos. Deste xeito o Executivo galego busca mellorar a coordinación e a operatividade na loita contra o furtivismo e a contaminación mariña, entre outros obxectivos.
‘Punta Seixo Branco’
A Punta Seixo Branco atraca nun pantalán que habilitou a Autoridade Portuaria da Coruña na dársena de Oza e que supuxo un investimento de preto de 80.000 euros. Conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0,85 metros. Ademais entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima.