Viveiro, a 22 de setembro de 2021. Ante o anuncio de Vestas de pechar a fábrica de compoñentes eólicos de Chavín (Viveiro), a CIG quere manifestar o absoluto rexeitamento a que se produzan despedimentos e a unha decisión empresarial que non ten máis motivación que deslocalizar a produción para incrementar os beneficios.
Este anuncio chega ademais nun momento moi crítico para a comarca da Mariña, co futuro da fábrica de aluminio no aire, e nun grave contexto de desmantelamento industrial en toda Galiza. Permitir os 115 despedimentos directos e o peche das fábrica de Vestas suporía un durísimo golpe no proceso de esmorecemento progresivo que vive a Mariña a nivel industrial e de emprego. Por iso, a CIG defenderá e pelexará en todos os ámbitos pola continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva, porque a emigración non pode ser unha alternativa.
Esta decisión anúnciase ademais cando en Galiza estamos a vivir unha auténtica ofensiva na colonización enerxética coa instalación de macro parques eólicos, mentres a actividade relacionada co sector volve ser vítima da voracidade capitalista. “É o mundo ao revés: ínzanos o país de eólicos, pero permítese que pechen as fábricas onde se constrúen as pezas dos muíños e se destrúan centros de empregos para seguir engordando os petos dos accionistas”, denuncia o secretario xeral da CIG.
Paulo Carril critica o papel que está a desenvolver a Xunta de Galiza neste proceso, pois mentres fomenta a implantación de parques eólicos e o espolio dos nosos recursos en favor dos intereses das grandes eléctricas e dos fondos de investimento, asiste con pasividade ao desmantelamento dos sectores produtivos, obviando que ten as competencias en materia de industria e amosando un total incapacidade para pór en marcha unha política industrial vertebradora do país. “O Goberno galego ten que adoptar as medidas necesarias para impedir que Vestas execute os seus plans e para garantir o mantemento dos postos de traballo e da actividade”, asevera Carril.
Neste marco, o secretario xeral da CIG denuncia o “auténtico crime” que constitúe que o Goberno español manteña a plena vixencia da reforma laboral, que dá poder total á patronal para aplicar despedimentos colectivos de maneira unilateral, facilitándolles así botar o peche e deslocalizar a produción a outros territorios.