Ribadeo, 29 de outubro, 2021. Este inicio de curso 2021 comezou co anuncio por parte da Consellaría de Educación da supresión da Educación Secundaria para persoas Adultas (ESA) en Ribadeo. A comunidade educativa revolveuse ante este ataque á oferta e a calidade educativa no ensino público da Mariña.
O profesorado, a dirección do centro e a CIG-Ensino responderon ante esta diminución da oferta educativa para persoas adultas, que entendemos como crucial para a promoción e a empregabilidade das persoas adultas da comarca.
Lembramos que a Educación Secundaria para persoas Adultas é unha oportunidade educativa para aquelas persoas adultas que buscan obter a titulación mínima para acceder a numerosos postos de emprego.
Como resultado das mobilizacións a Consellaría decide non suprimir a ESA no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo para o curso 2021-22, aínda que unicamente se ofertarán as materias do segundo cuadrimestre. Todas as persoas interesadas en cursar a ESA neste centro de Ribadeo deberán agardar ao segundo cuadrimestre.
A CIG-Ensino entende que manter a oferta da Educación Secundaria para persoas Adultas é esencial para garantir os dereitos educativos das persoas, así como para reducir a fenda educativa e de oportunidades que existe entre as zonas do rural e as zonas urbanas