Lugo, 6 de setembro de 2021. Medio Rural financiará melloras en viais das parroquias de Rigueira e Cadavedo, no concello da Pastoriza. Trátase de traballos de reparación e pavimentación en pistas de acceso ás aldeas de As Fontes, Córneas, Montouto e A Portela, que mellorarán as condicións de uso e a seguridade destas infraestruturas básicas para a veciñanza xa que dan servizo a vivendas e explotacións gandeiras.
As actuacións, que contan cun orzamento de 80.000 euros, consistirán na mellora do pavimento – reparación de roturas e deformación, recargas de grava e regas asfálticas – e na limpeza das cunetas. No caso das Fontes, os traballos concentraranse nunha vía de acceso a unha explotación gandeira, duns 0,5 quilómetros; mentras, en Córneas, as melloras realizaranse nun vial con dous ramais de acceso ao núcleo, cunha lonxitude de 0,7 quiómetros. En Montouto e A Portela, na parroquia de Cadavedo, as obras realizaranse nunha pista con tres ramais de acceso, que suman preto de 2 quilómetros de lonxitude.
A tenente de alcaldesa de Pastoriza, Elva Carrera, explicou que “nunha rede viaria tan extensa e ante a imposibilidade orzamentaria de cubrir todas as necesidades, estamos a priorizar as vías asfaltadas que dan accesos a vivendas e explotacións, como son estes casos” e agradeceu a achega da área de Medio Rural xa que sen ela, sinalou, “non sería posible a reparación neste ano destas vías que están nun avanzado estado de deterioro”.
A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, sinalou, pola súa banda, que “desde a área de Medio Rural estamos a facer un esforzo para contribuír a mellora e o mantemento das infraestruturas das zonas rurais, que cremos que son imprescindibles para que a veciñanza poida desenvolver a súa vida e o seu traballo nas mellores condicións. Neste caso trátase ademais de obras que repercuten directamente nunha zona gandeira, nun concello cunha actividade económica centrada no sector primario”, apuntou.
As obras, que están en fase de licitación, teñen un prazo de execución de tres meses, segundo se establece no convenio asinado entre a área de Medio Rural e o Concello da Pastoriza.