Site icon Crónica3.com A Mariña

763 atletas na VII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais deste sábado

Ribadeo, 17 de setembro de 2021. Mañá, 18 de setembro, celébrase a VII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. A carreira dará comezo ás cinco da tarde e nela participan 763 atletas. Todos os que completen o percorrido recibirán unha medalla conmemorativa xentileza de Acisa Ribadeo, que colabora deste xeito con esta proba.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, declarou que “este sábado a partir das cinco da tarde a sétima Media Maratón volve andar, despois do paréntese que nos deixou a covid. Neste evento van correr 763 participantes, dos cales son 600 homes e 163 mulleres. Haberá cortes de estradas por onde pase a carreira, pero serán tempos curtos, entre quince e trinta minutos por zona. Debido ao protocolo da Federación Galega de Atletismo, cada vinte segundos sairán dez participantes”.

O edil ribadense subliñou que “unha das novidades que temos é un convenio que fixemos con Acisa para darlle unha medalla a todo participante que remate a Media Maratón. Hai que dicir que estamos diante dunhas das probas, que ademais de ser bastante dura, que marca un significado polo sitio que recorre e onde remata, que sigo dicindo que é a meta máis fermosa do mundo”.

Desde Acisa amósanse satisfeitos de poder colaborar un ano máis coa Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. O xerente, Jesús Perez, dixo: “queremos agradecerlle ao Concello que nos permita aportar as medallas de fin de carreira” e destacou que “este evento vai mover a 763 corredores e corredoras, que xunto a acompañantes e familiares suporá que se acheguen á nosa vila preto de dúas mil persoas durante a fin de semana. Moitos deles xa chegan hoxe e outros quedarán ata o domingo, polo que poderán gozar da nosa hostalería e do noso comercio”.

Para Acisa “a Media Maratón é moi importante para actividade económica do noso pobo e un importante revulsivo para o turismo. Queremos destacar o enorme esforzo do Concello de Ribadeo para levar adiante este evento deportivo e o resto das actividades que organiza ao longo de todo o ano. É de agradecer que se vaian retomando as actividades deportivas, coas que estamos e estaremos encantados de colaborar”.

Na presentación das medallas de fin de carreira participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro e o técnico de Deportes, Jorge Díaz e Iván López, e o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.

Exit mobile version