Ribadeo, 9 de setembro de 2021. 36 de 8 comunidades autónomas españolas e outros procedentes de Portugal daranse cita en Ribadeo os días 11 e 12 de setembro para disputar o XV Torneo Internacional de Veteranos. O evento está organizado pola Asociación de Veteranos do Ribadeo FC e conta coa colaboración do Concello e de Acisa. Os partidos vanse disputar en campos de Ribadeo, Lourenzá e Barreiros, en Galicia; e en Navia, Coaña e La Caridad, en Asturias. O Torneo presentouse este mediodía no salón de plenos.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “desde o Concello quero expresar a ilusión que nos produce volver a ter un torneo de veteranos, de maiores de 35, que neste ano é a 15ª edición dado que, desgraciadamente, o anterior por mor da pandemia houbo que suspendelo, non se puido facer. E agora, no 2021, xa saíndo desta terrible situación na que estivemos o mundo enteiro, empezamos a volver á normalidade. Entón temos moita ilusión polo que supón polo deporte para a xente máis maior e tamén polo que supón para o sector servizos, para a hostalería, para a restauración de Ribadeo, desde logo, pero tamén da comarca porque vai ser moitísima xente a que vai vir e que se aloxa en establecementos máis aló de Ribadeo porque a necesidade é imperativa neste sentido”.
O rexedor subliñou “a colaboración dos outros Concellos e das outras entidades públicas que prestan os seus recursos, como campos de fútbol, para poder desenvolver esta actividade tan intensa nunha fin de semana”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, declarou que “desde ACISA estamos moi contentos de que se volva celebrar este torneo de veteranos e de poder colaborar un ano máis con eles. Hai que agradecer, como sempre, a implicación desta entidade coa actividade local da nosa vila: o sector servizos, o da hostalería e o do comercio. Polo tanto vai ser unha fin de semana moi potente para todos estes establecementos. Os hoteis de Ribadeo están case cheos, xa hai restaurantes que teñen reservas e queremos darlles as grazas aos veteranos por deixarnos colaborar con eles un ano máis e desexarlles toda a sorte do mundo”. A asociación ribadense calcula que este evento deportivo moverá a preto dun milleiro de persoas.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, tivo palabras de agradecementos “para os organizadores porque é un traballo moi complexo; sabemos o que custa planificar un evento grande coma este. Seguimos animándoos porque é complicado pois hai que ter medidas de loita contra o Covid, teñen que facer tests, van procurar que non haxa ningunha problemática dese tipo. Entón desexámoslles que saia todo ben e por parte da Área de Deportes do Concello estamos apoiando como sempre, coas instalacións que podemos ofrecer, que son as que temos e que están para todos os clubs de Ribadeo”.
Díaz Freije agarda que “gañe alguén de cerca, xa que os veteranos de Ribadeo non están animados a competir”.
E o presidente da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, Juan Rodríguez Peceux, contou que “nesta 15ª edición do torneo de veteranos son 36 equipos. Tivemos que baixar o número deles por temas de seguridade e medidas Covid, para non ter tanta aglomeración nos campos e cumprir con todas as peticións que nos fixeron. Son equipos que pertencen a 8 comunidades españolas e tamén hai clubs portugueses”.
E engadiu: “queremos agradecer a todos estes equipos porque fan un esforzo moi grande para vir a Ribadeo, máis na situación na que estamos. Tamén agradecemos a colaboración que temos do Concello de Ribadeo, que é o que máis soporta toda esta infraestrutura, así como dos distintos colaboradores. O sector servizos é o que máis nos apoia e realmente todo isto non se podería levar a cabo sen esta colaboración que recibimos deles. Esperemos que todo saia ben e poder empezar a pensar na edición do 2022, na que desexamos non ter tanta limitación como na deste ano”.