Site icon Crónica3.com A Mariña

XI Xornadas Memoria dun Tempo

Mañón, 16 de agosto, 2021. Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora, ven a presentar o programa da XI edición das Xornadas “Memoria dun Tempo” adicadas á recuperación da Memoria Histórica e que terán lugar os días os días 20, 21 e 22 de agosto no salón de actos do Centro Sociocultural, así coma na Ponte Vella, do pobo de O Barqueiro, no concello de Mañón (A Coruña)

Nesta ocasión abriranse as Xornadas coa proxección da curtametraxe documental “Dores”, de Laura e Coral Piñeiro, Clara Miñán e Maite Martínez, que trata sobre os campos de concentración que houbo en Galiza durante o franquismo, e o a que seguirá unha mesa redonda coa presenza das realizadoras, así coma da escritora Susana Sánchez Aríns, que tamén participa no filme, a historiadora e profesora Ana Cabana Iglesia e Chus Armada Castaño, unha das netas de Jesús Castaño Galdo, alcalde de Mañon fusilado en 1937 . Isto será o venres 20 ás 19 horas.

O sábado 21 á mesma hora terá lugar o relatorio de Claudio J. Castro Lage que falará sobre a vida e morte do anteriormente nomeado que foi alcalde de Mañón dende días despois da victoria da Fronte Popular ata xullo de 1936 e posteriormente fusilado en Ferrol o 16 de abril de 1937. Esta conferencia, baixo o título de “Jesús Castaño Galdo. A vida nun oficio e nunha ponte ” supón o peche do “Proxecto Dous Alcaldes”, unha iniciativa de Nordés para recuperar a memoria dos alcaldes dos concellos limítrofes de O Vicedo (concello de Riobarba ata 1952) e Mañón, Luciano Pérez Riveira e Jesús Castaño Galdo respectivamente, ámbolos dous represaliados ao triunfar o golpe militar, aínda que con distinta sorte, pois o primeiro agochouse ata a súa entrega no ano 1940 para despois pasar polo cárcere e padecer vivir baixo control o resto da súa vida, namentras o segundo acabou fusilado como xa se dixo.

As Xornadas pecharanse o domingo 22 ás 12 da mañá coa tradicional Homenaxe ás persoas republicanas e libertarias na ponte vella de O Barqueiro, da que xa van nove convocatorias.

Exit mobile version