Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro continúa descendendo o número de casos activos por Covid e baixa ao nivel de restricións medio-baixo

Viveiro, 26 de agosto de 2021. O Concello de Viveiro informa que o Comité Clínico anunciou que a partir deste sábado, 28 de agosto, Viveiro pasará ao nivel medio-baixo de restricións sanitarias. O municipio abandona así o nivel medio tras a mellora dos datos epidemiolóxicos.

Segundo os datos facilitados polo Sergas, nos últimos 7 días diagnosticáronse en Viveiro 13 novos casos, situando a incidencia acumulada entre 75 e 125. Con respecto aos datos dos últimos 14 días, rexistráronse 32 novos casos e a incidencia acumulada sitúase entre 150 e 250.

Cando estas novas medidas entren en vigor, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos establecementos de hostalería o aforo máximo no interior do local será do 75% e nas terrazas será do 100%. O peche da hostalería continúa sendo ás 23:00 horas, ampliable ata as 1:00 horas con determinados requisitos.

No caso do ocio nocturno, o aforo máximo no interior continúa sendo do 50%, ampliándose o aforo nas terrazas ao 100%. O horario de peche continuará sendo ata as 03:00 horas para o ocio nocturno.

Ademais, manterase vixente a prohibición das reunións entre non convivintes entre as 3:00 e as 6:00 horas. Fóra destes horarios, as xuntanzas non poderán superar as 6 persoas en interiores e as 10 ao aire libre.

Estas novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do sábado, unha vez que sexan publicadas no Diario Oficial de Galicia. Ata entón, mantéñense as anteriores restricións, implicando un aforo do 50% no interior da hostalaría e un 75% nas terrazas do ocio nocturno.

A pesar da melloría dos datos epidemiolóxicos, dende o Concello de Viveiro continúase apelando á prudencia para evitar novos contaxios e reducir o número de casos activos.

Exit mobile version