Burela, 10 de agosto, 2021. O Pescados Rubén Burela FS aposta polo gol do brasileiro Rikelme Alves Ribeira (Campo Grande, 2002) como novidade no proxecto que configura para 2021-22. O ala zurdo, de tan só 19 anos, súmase ás incorporacións dos peches Isma (O Parrulo FS) e Wanderson (Osasuna Magna), tras ser un dos máximos artilleiros da liga do seu país con Juventude AG.
“Este foi un cambio co que sempre soñei; loitei e prepareime para este momento que chega agora. Os cambios fannos ter esperanza e soñar por aquilo que buscamos. Tomei a decisión contando co apoio a miña familia e con persoas moi importantes na miña vida e que me proporcionan o mellor soporte” confesaba Rikelme a tan só uns días de incorporarse ao equipo de Alberto Riquer.
Para o novísimo brasileiro esta será a súa primeira aventura deportiva fóra da súa casa, un soño feito realidade polo que vai loitar con todas as súas forzas: “Espero integrarme e adaptarme para conseguir bos resultados. Sempre seguín o fútbol sala español; estou preparado para estrearme nunha das mellores ligas do mundo”, advertía o ala zurdo, prometendo compromiso, traballo e tenacidade: “Quero axudar ao máximo en todo, estou preparado para sumar e dar o mellor de min; pola miña banda non faltará suor e loita”.
Rikelme, con contrato por dúas tempadas, será presentado oficialmente nas próximas semanas.