Tomé Roca destacou o valor deste centro que continúa vinculado á “difusión do coñecemento e contribuirá de maneira importante a dinamizar a vida social e a vida económica de Trabada”. “Se queremos que a xente se quede a vivir no noso rural, nas nosas aldeas e nos nosos pobos, o que temos que facer as administracións é achegar os servizos públicos aos veciños, non recortalos. E debemos, tamén, fomentar novos proxectos que fagan máis atractivos os nosos concellos, e que contribúan a crear emprego”, sinalou o mandatario provincial.
O Centro Etnográfico José Rocha contará seccións destinadas á etnografía e espazos para o arquivo fotográfico e bibliográfica cedidas, na súa maioría polo veciño trabadense, José Rocha. O Presidente quixo agradecerlle a “xenerosidade e polo seu compromiso coa súa terra” ao doar os elementos que agora poderán ser visibilizados por todas as persoas que se acheguen ao concello.
“Coidar de todo este patrimonio material e inmaterial é unha obriga que nos enriquece como sociedade, pero tamén é unha aposta polo futuro, polo desenvolvemento económico. Porque coñecer e difundir a historia é unha ferramenta de primeiro nivel para consolidar unha oferta turística diferenciada, de calidade, sostible, que pon en valor o patrimonio e que crea riqueza e emprego”, recordou José Tomé.
Centro de Atención a Maiores
Tomé Roca destacou a colaboración para o impulso do rural entre o Concello e a Deputación de Lugo. Así mesmo, lembrou que o Centro de Atención a Maiores de Trabada está “funcionando moi ben e, dende a institución provincial, temos solicitado á Administración autonómica a ampliación das prazas, das 30 actuais, a 39”.