Lugo, 13 de agosto de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, e outras autoridades locais, participou este venres na inauguración do novo Centro Etnográfico José Rocha de Trabada. Este novo espazo, situado no edificio das antigas escolas do municipio mariñao, conta cunha achega de 18.000 euros da institución provincial a través do Plan Único de Coperación cos Concellos.
Tomé Roca destacou o valor deste centro que continúa vinculado á “difusión do coñecemento e contribuirá de maneira importante a dinamizar a vida social e a vida económica de Trabada”. “Se queremos que a xente se quede a vivir no noso rural, nas nosas aldeas e nos nosos pobos, o que temos que facer as administracións é achegar os servizos públicos aos veciños, non recortalos. E debemos, tamén, fomentar novos proxectos que fagan máis atractivos os nosos concellos, e que contribúan a crear emprego”, sinalou o mandatario provincial.
O Centro Etnográfico José Rocha contará seccións destinadas á etnografía e espazos para o arquivo fotográfico e bibliográfica cedidas, na súa maioría polo veciño trabadense, José Rocha. O Presidente quixo agradecerlle a “xenerosidade e polo seu compromiso coa súa terra” ao doar os elementos que agora poderán ser visibilizados por todas as persoas que se acheguen ao concello.
“Coidar de todo este patrimonio material e inmaterial é unha obriga que nos enriquece como sociedade, pero tamén é unha aposta polo futuro, polo desenvolvemento económico. Porque coñecer e difundir a historia é unha ferramenta de primeiro nivel para consolidar unha oferta turística diferenciada, de calidade, sostible, que pon en valor o patrimonio e que crea riqueza e emprego”, recordou José Tomé.
Centro de Atención a Maiores
Tomé Roca destacou a colaboración para o impulso do rural entre o Concello e a Deputación de Lugo. Así mesmo, lembrou que o Centro de Atención a Maiores de Trabada está “funcionando moi ben e, dende a institución provincial, temos solicitado á Administración autonómica a ampliación das prazas, das 30 actuais, a 39”.