Ribadeo, 26 de agosto de 2021. A Concellaría de Turismo presentou hoxe o proxecto SetembroXNatural. Ten como obxectivo desestacionalizar o turismo en Ribadeo e favorecer que a tempada alta se alongue ata finais do mes de setembro. Inclúe Xeorutas e visitas guiadas pola natureza para potenciar a Senda Azul e o Camiño Natural do Cantábrico así como o Camiño de Santiago.
O concelleiro de Turismo e alcalde en funcións, Pablo Vizoso, anunciou que “dende a Área de Turismo o vindeiro mes poñeremos en marcha o proxecto SetembroXNatural que ten como obxectivo desestacionalizar o turismo no noso concello e favorecer que a tempada alta se alongue máis ata finais do mes de setembro. Queremos seguir a potenciar a vida de Ribadeo e o seu termo municipal como referente turístico con especial fincapé en ofrecer un entorno atractivo e dinámico a aqueles visitantes que deciden optar polo noso destino, que ten na seguridade e no benestar o seu eixe central”.
O edil ribadense dixo que “sabemos que quen nos visita está cada vez máis preocupado pola seguridade e pola sustentabilidade, demanda viaxes máis responsables, busca destinos que coiden o seu entorno, e en definitiva busca sumar varias experiencias enriquecedoras nun único enclave, escollendo un destino que concentre todas as actividades do seu interese e aforrar así tempo nos seus desprazamentos”.
Vizoso Galdo engadiu que “por estes motivos, e con este obxectivo, propoñemos unha serie de actividades que xiran arredor do desfrute dos nosos espazos naturais. Estoume referindo, por exemplo, á Ría de Ribadeo, á nosa rasa costeira, ás nosas preciosas praias e ao Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo, a través da man e da colaboración con distintas empresas e profesionais. Nesta liña, dentro deste proxecto SetembroXNatural, incluiremos xeorutas, máis de media ducia de rutas polos cantís de Ribadeo cunha visión xeolóxica coas que amosamos a importancia do noso litoral. Por outra banda, visitas guiadas pola natureza coas que pretendemos potenciar a Senda Azul e o Camiño Natural do Cantábrico, ámbolos dous con marca de recoñecemento estatal, ademais do Camiño de Santiago co gallo do Ano Santo Xacobeo”.
SetembroXNatural foi presentado polo alcalde en funcións, Pablo Vizoso, e pola técnica de Turismo, Begoña García.