Lugo, 6 de agosto de 2021. Continúa esta fin de semana o programa Saborea a túa provincia da Deputación de Lugo na comarca da Mariña. Esta iniciativa, que xa percorreu Viveiro e Burela a pasada fin de semana e que parará noutros 5 concellos da provincia durante o mes de agosto, celebrarase o sábado durante todo o día na Praza Conde Santo de Lourenzá, e o domingo, na Praza de Santa María do Valadouro.
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de medidas de reforzo para a prevención da Covid-19 por 8.000€ co fin de aplicalas en todos os municipios aos que chegará o autobús do Saborea. A cita desenvolverase nunha zona acoutada co público sentado, para poder controlar en todo momento o número de persoas que accede e sae do recinto e manter as distancias entre persoas.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou este venres que esta acción “forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia que temos en marcha na Deputación de Lugo e co que levamos implantando medidas ao longo da provincia para dinamizar a nosa economía e os sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería, o turismo, o comercio local e os pequenos produtores”. García Porto incidiu en que “é un programa deseñado dende o prisma de que estamos atravesando unha pandemia, por iso serán actividades seguras onde haberá persoal supervisando o cumprimento das medidas, os participantes gardarán a distancia á vez que lle botamos unha man aos nosos produtores e comerciantes”.
“Adaptaremos o desenvolvemento das xornadas ás restricións vixentes en cada momento e á situación epidemiolóxica de cada concello”, asegura Pilar García Porto, “como vimos facendo con todos e cada unha dos actos e actividades que organizamos dende a Deputación dende a declaración da pandemia”.
Ata A Mariña viaxará esta fin de semana o autobús do Saborea, “ao redor do que se organizarán charlas, degustacións de produtos, demostracións culinarias da man de cociñeiros e cociñeiras da provincia, haberá obradoiros para os pequenos, maxia e sorteos”, indica a Deputada.
No autobús-cociña será onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona. Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Faranse degustacións destas receitas e tamén de produtos de proximidade que se entregarán en envases individuais pechados para que se consuma de maneira segura e mantendo as distancias interpersoais.
Balance do Saborea en Viveiro e Burela
Pilar García Porto deu conta este venres da participación do programa Saborea a túa provincia en Viveiro e Burela, as dúas localidades nas que arrancou este novo programa da Deputación de Lugo. “Houbo unha moi boa acollida, no caso de Viveiro recibimos máis de 220 persoas ao longo de todo o día, e no caso de Burela, foron unhas 200”, apuntou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo.
Saborea a túa provincia nace con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.
Programas desta fin de semana
Lourenzá – Sábado, 7 de agosto – Praza Conde Santo
12:00 Apertura
12:00 – 14:00 Obradoiro de cociña para nenos e nenas
12:15 – 13:00 Demostración culinaria e degustación. Cociñarase faba de Lourenzá IXP con espada en escabeche e clorofila de codium da man de Jesús Villarino, do Asador del Alba (San Cosme de Barreiros)
(Asociación Provincial Cociñeiros Lugo)
13:00 – 13:30 Charla informativa sobre a D.O.P. Arzúa-Ulloa, a cargo de Óscar Pérez Ramil, Secretario Xerente desta D.O.P.
13:30 – 14:30 Animación musical: SoutoXímaro
18:00 Espectáculo do Mago Rafa
19:00 Sorteo de lotes de produtos de proximidade
19:30 Actuación musical: Atlántica
20:00 Degustación de produtos
O Valadouro -Domingo, 8 de agosto – Praza de Santa María
12:00 Apertura
12:00 – 14:00 Obradoiro de cociña para nenos e nenas
12:15 Demostración culinaria e degustación. Farase merluza do Cantábrico e aliño de mel do Valadouro e albóndiga de Porco Celta con salsa agridulce de Mel do Valadouro da man de Bruno Pena, do restaurante Oca Playa (Foz)
13:30 Charla informativa sobre o Porco Celta, a cargo de Iván Rodríguez Paz, Director Técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL)
14:00 Animación musical: Asociación Cultural Amado Lar
19:00 Espectáculo do Mago Rafa
20:00 Sorteo lotes de produtos de proximidade
20:30 Actuación musical: Atlántica
20:30 Degustación de produtos
Un programa que percorre a provincia
Esta cita gratuíta recalará tamén nos concellos da Fonsagrada, Guitiriz, Láncara e Monforte de Lemos ao longo das fins de semana do mes de agosto. Os cociñeiros e cociñeiras prepararán en directo nesas xornadas os seguintes menús:
A Fonsagrada. O sábado 14 de agosto farase troita curada, brioche e alioli de escabeche e sopa de mel e vainilla, biscoito de limón e migas de chocolate da man de Pablo Vila Cano, do restaurante Oca (Santiago).
Guitiriz. O sábado 21 cociñarase touciño de Porco celta glaseada con pementos de Mougán e os seus crocantes da man do cociñeiro Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
Vilalba. O domingo 22 elaborarase un canelón recheo de capón de Vilalba trufado con espuma de San Simón e flor de allo a cargo do cociñeiro de Pascuais Eventos (Parada de Outeiro de Rei) Diego López.
Láncara. O sábado 28 de agosto cociñarase galo de Mos en tres coccións con San Simón, por Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
Monforte de Lemos. O domingo 29 de agosto farase tenreira “arábiga” con parmentier de moca e nata solla do cociñeiro Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró (Monforte de Lemos).