Ribadeo, 6 de agosto de 2021. RibadeoXVivo así se denomina a nova guía de turismo activo na natureza que acaba de editar o Concello con toda a información relacionada coas empresas de lecer que operan no territorio. Recolle máis de 20 actividades diferentes. Atópase en formato papel nas oficinas de turismo e tamén pode descargarse na páxina web de Turismo de Ribadeo. Foi presentada hoxe polo alcalde, Fernando Suárez, e polo concelleiro Pablo Vizoso.
O edil de Turismo dixo que “a área xeográfica que abarca o territorio do concello de Ribadeo é un enclave natural de alto valor ecolóxico, cunha elevada concentración de recursos naturais e paisaxísticos singularmente recoñecidos. Estamos a falar, por exemplo, da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, ou dos espazos encadrados na Rede Natura 2000, como o ZEC Ría de Ribadeo e o ZEC As Catedrais, tamén a propia ría de Ribadeo como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Humidal Protexido ou As Catedrais como Monumento Natural, enclaves que fan do concello de Ribadeo un paraíso para a práctica de todo tipo actividades e deportes ao aire libre”.
Vizoso Galdo subliñou que “e precisamente por iso o Concello de Ribadeo, vén de editar unha nova guía de turismo activo na natureza #RibadeoXVivo, onde recolle toda a información relacionada coas empresas de lecer que operan no territorio do concello. Sendeirismo, ecoturismo, rutas BTT, paseos en barco, surf, kitesurf, canoas, piraguas, vela, mergullo ou parapente, son entre outras moitas, as propostas de lecer e tempo libre que atoparemos nesta nova e atractiva guía que se acaba de publicar, tanto en formato de papel como dixital”.
O concelleiro ribadense sinalou que “Ribadeo conta con instalacións náutico deportivas, asociacións, guías especializados e unha gran variedade de empresas e actividades deportivas y de aventura, que ofrecen interesantes opcións para descubrir e gozar deste entorno e que se presentan a través desta publicación, que recolle a máis de vinte actividades diferentes”.
Pablo Vizoso engadiu que “o que se busca é ofrecer unha ferramenta completa, accesible e moi fácil de comprender para que os turistas que visitan Ribadeo e a nosa veciñanza poidan gozar de todas as ofertas que ofrece a natureza. Con esta nova iniciativa, séguese a avanzar para contribuír de maneira decisiva a facer máis atractivo o noso concello como destino turístico, poñendo en valor e divulgando as grandes oportunidades e ofrecéndolles aos visitantes experiencias inesquecibles. Como é habitual, a guía, será distribuída nas Oficinas de Turismo e poderase descargar na páxina web de Turismo de Ribadeo”.