Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ribadeo tamén é mundo, e o que fagamos en Ribadeo facémolo no mundo…”, por Antonio Gregorio Montes

Unha das dificultades que ás veces, mesmo de xeito imperceptible, temos na narrativa da evolución actual do mundo (por exemplo das crises mundiais) é o ver os feitos como ‘do resto do mundo’, non ‘nosos’: somos incapaces de concibir que esa totalidade nos abrangue tamén a nós. Por iso necesitamos subxectivalos na nosa proximidade para facelos nosos, manexables (e imaxinables) no noso entorno. Non sempre é doado, e non sería a primeira vez que unha tendencia local parece contradicir a tendencia que nos avisan como global. Pode darse o caso durante un tempo nalgúns lugares, antes de que remate afectándolles a tendencia global. De aí a importancia de resaltar as tendencias con sentido (neste tempos podemos dicir ‘con sentidiño’ en troques de ‘con precaución’ ou semellante) e con explicación abondosa para que sexa comprendida non como invalidación da tendencia xeral, senón como algo particular e pasaxeiro.

Hai xa tres anos (o 20 de agosto de 2018) que Greta Thunberg comezou as ‘folgas escolares polo clima’. Dende aquela, e cada vez máis, escolares de todo o mundo lembran os venres de cada semana que estamos provocando unha catástrofe climática, e que, en troques de procurar solucións, estamos a dilatar a toma de decisións e actuacións cruciais por intereses que algúns chaman económicos pero que estimo máis conveniente etiquetalos como gananciais, é dicir, de lucro de determinadas entidades e persoas que as controlan. O último informe do IPCC, déixao claro: soan tódalas alarmas de que nos estamos a cargar este mundo no aspecto climático, ó que habería que sumarlle outros aspectos necesarios para a vida no planeta como a perda de biodiversidade.

Nestes días de agosto, a cornixa cantábrica sepárase da temperie ibérica para formar outro conxunto climático que atrae xente pola suavidade do clima e a rabia doutra xente (ás veces, da mesma!) pola necesidade de nubes para facer posible esa suavidade.

Recollendo unha vez máis o dito ‘pensa de xeito global, actúa de xeito local’ que leva a un maior rendemento das nosas accións individuais, que é o que significa iso do quecemento global?, en que se traduce para Galicia ou para un dos nosos pobos, poñamos Ribadeo?

En Ribadeo, a tendencia no que levamos de século (de setembro de 2001 a agosto de 2021), vese que, tanto das temperaturas máximas rexistradas no mes como das mínimas, é a aumentar. E aínda máis: dentro da pouca significación estatística que ten unha única estación meteorolóxica nunha serie aínda que sexa de 20 anos como é o caso, podemos fixarnos en que as temperaturas máximas aumentan máis que as temperaturas mínimas. A tendencia indica que as máximas aumentaron 1,8 ºC de media, mentres as mínimas só o fixeron 1,3 ºC, en consonancia co aumento observado de fenómenos extremos a nivel mundial. Iso é unha manifestación local dun fenómeno global: o aumento das temperaturas e dos extremos climáticos. Si, o clima tamén está a cambiar no teu pobo.

Exit mobile version