Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo proxecta unha grande superficie multideporte, unha firme aposta para o lecer da xuventude

Ribadeo, 2 de agosto de 2021. O goberno municipal proxecta a construción dunha grande superficie multideporte e de lecer para a mocidade. Estará situada na mazá interior entre a Avenida de Galiza, a rúa Pintor Fierros e a rúa Daniel Cortezón, segundo anunciou hoxe o alcalde, Fernando Suárez. O investimento ascenderá a 400.000 euros, dos que a Área de Deportes da Deputación de Lugo aportará 340.000 e o resto serán fondos do Concello.

O rexedor dixo: “sabemos desde o goberno municipal as carencias que ten Ribadeo de lugares públicos para o lecer e para o recreo da xente moza deste concello. Ribadeo aínda vai contando con infraestruturas como pavillóns polideportivos ben equipados ou campos para o adestramento regrado de varias especialidades deportivas, entre outras. Pero Ribadeo adoece desde sempre de algo destinado a pasar un pedazo cos amigos e coas amigas xogando unha pachanga, tirando unhas canastras, practicando algo de voleibol, facendo algo de ximnasia ou incluso practicando outros novos deportes como o skate”.

Suárez Barcia manifestou: “diante desta situación, desde o goberno municipal queremos facer unha aposta moi seria, moi firme e moi importante para toda esta xuventude, que cando sae, tampouco ten demasiado a onde ir para xuntarse nos momentos de lecer”.

O alcalde subliñou que “queremos usar para todo isto a mazá interior de titularidade municipal que está entre a Avenida de Galiza, a Rúa Pintor Fierros e a Rúa Daniel Cortezón. E queremos construír unha grande superficie multideporte e de lecer: unha pista multideporte para fútbol, baloncesto e voleibol, outra pista de skate e máis un circuíto de calistenia. E todo isto complementado con dotacións para estar sentados, de tertulia, rodeados de árbores, con iluminación, etc. Trátase dun proxecto moi importante que ascenderá a uns 400.000 euros coas achegas do Concello e máis da Deputación de Lugo”.

Fernando Suárez indicou que “este ambicioso e necesario proxecto vai contar cun importante apoio da Área de Deporte da Deputación de Lugo, pois doutro xeito seríanos moi complicado só coas nosas achegas poder cubrir todo o custo. E foi por todo isto que o deputado delegado desa Área foi sensible ás nosas xustas demandas, polo que axiña vai poder ser realidade este desexo que tantos rapaces e rapazas nos teñen transmitido ao longo do tempo”.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cos Concellos, neste caso para ampliar a dotación de infraestruturas deportivas. Trátase dun proxecto necesario para facilitar a práctica do deporte e da actividade física, nun concello moi dinámico neste ámbito, con clubs e deportistas de moi diferentes disciplinas”.

Ao que engadiu que “cremos que a filosofía desta instalación, ao aire libre, resulta especialmente acaída para estes tempos de postpandemia e moi atractiva para a mocidade. Deste xeito, e para que este proxecto se converta en realidade, nas vindeiras semanas imos a asinar un convenio bianual entre a Área de Deportes e o Concello de Ribadeo, a través do cal a Deputación aportará un total de 340.000 €”.

“Toda a sociedade o ten pasado moi mal nesta a pandemia, pero o segmento de xente adolescente aos que lles estamos pedindo continuamente compromiso tamén necesitan que nós nos comprometamos con eles. E niso estamos”, explicou o alcalde ribadense.

Exit mobile version