Ribadeo, 30 de agosto de 2021. Remataron en Ribadeo os traballos de pintado das Zonas Cativas a carón dos centros escolares e instalacións deportivas.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, subliñou que “queremos un deseño urbano mais accesible, amable, sostible e mais centrado nas crianzas. Precisamos adaptar os entornos nos que vivimos ás demandas da infancia e adolescencia”.
A edil ribadense lembrou que “desde o Concello de Ribadeo lévase moitos anos traballando con estas premisas, creando espazos verdes, espazos de xogo, priorizando a mobilidade a pé e en bicicleta. E esta iniciativa é un chanzo mais nesa planificación e xestión urbana”.
Freire Rancaño dixo que “con estas Zonas Cativas buscamos converter os espazos urbanos que usan os nosos nenos e nenas en áreas mais amables a través de formas e cores. Pretendemos atraela atención dos condutores para que circulen con especial precaución por estes espazos”.
As rúas afectadas xa quedaron abertas ao tráfico. As Zonas Cativas poden verse xa en Carlos III, Alfredo Deaño e Avenida de Luarca.
A concelleira de Obras quixo “agradecer o enorme traballo e bo facer de Diego e Jose, de Estradas Galegas SL, por realizar o pintado neste tempo record”.