A “Ruta Xacobea da Merluza de Burela” fai esta última parada antes de chegar a Galicia a través da ‘Vía da Prata’ ata acadar a vindeira semana o seu destino final en terras do Finisterrae, no Parador Costa da Morte (Muxía).
O restaurante do Parador de Zamora ofrece desde o xoves 26 ao domingo 29 de agosto a receita “Pescada do pincho de Burela con pata de tenreira de aliste IGP e salsa zamorana”.
Unha vez completada a “Ruta Xacobea do Bonito de Burela”, que partiu de Santiago de Compostela e foi visitando os Paradores de Lleida (Camiño Catalán), Santo Domingo de la Calzada e León (Camiño Francés); a “Ruta Xacobea da Merluza de Burela” está a punto de completar a súa travesía pola península ibérica de leste a oeste cumprindo etapas semanalmente nos Paradores de Alcalá de Henares (Camiño de Madrid), Toledo e Ávila (Camiño do Levante), Zamora (Vía da Prata) e Muxía (Camiño de Fisterra).
Esta acción denomínase “Orixe & Destino Galicia” porque o bonito do norte e a pescada do pincho partiron desde a lonxa de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través de dez etapas: dous produtos pesqueiros de Burela, sete rutas xacobeas, dez Paradores, seis comunidades autónomomas e a mesma orixe e destino: Galicia.
Esta campaña, que se inclúe no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP, combina a calidade do produto pesqueiro de Burela, coa colaboración de Armadores de Burela, a gastronomía de Paradores e as rutas do Camiño de Santiago.