Site icon Crónica3.com A Mariña

“Peche prematuro da costeira do Bonito”, por Jose Manuel Balseiro

Na media noite do domingo pechaba a costeira do bonito do Norte, outra vez, a máis breve da historia, tras consumirse a couta asignada polo Ministerio de Pesca para este ano 2021.

A flota galega di adeus, dun xeito prematuro, a unha campaña que, tal e como advertíamos desde o Partido Popular, corría o risco de converterse en máis curta ca dos anos anteriores circunstancia que, por desgraza, acabamos de confirmar.

Galicia está afeita a que o Ministerio faga pouco caso ás peticións da Xunta e do Parlamento galego pero, a situación é aínda máis preocupante, cando ese desprezo se traslada tamén ás reivindicacións do propio sector pesqueiro.

O Ministerio é consciente de que hai medidas que se traducirían en maiores posibilidades de pesca para a nosa flota pero, nos despachos dos dirixentes do goberno de PSOE e Podemos parecen estar de vacacións á hora de solucionar problemas e só activos para establecer prohibicións.

Levamos tempo reclamando unha maior cota do bonito do Norte, que o Ministerio se dote dos argumentos científicos que acrediten o que a propia flota está a constatar na súa actividade diaria: que hai abundancia de recurso. E tamén, a necesidade de favorecer a unha flota, como é a galega, que pesca bonito ao curricán, un a un, dun xeito máis selectivo e sostible que a flota doutros países.

Ao longo dos próximos días aínda é posible seguir degustando este manxar que é o bonito do Norte, pois as descargas se prolongarán durante esta semana, pero podemos facelo dun xeito máis comprometido coa nosa flota. Apostando polo bonito do Norte comercializado polas lonxas galegas, identificado coa etiqueta verde, capturado dun xeito máis responsable e de aspecto e calidade moi superior ao procedente das flotas peláxicas doutros países.

Jose Manuel Balseiro
Deputado popular e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia

Exit mobile version