Burela, 31 de agosto, 2021. A viveirense Lara Balseiro Candia volverá protagonizar o orgullo da Mariña, converténdose na 15ª peza do Pescados Rubén Burela FS nun novo proxecto ambicioso das Guerreiras Laranxas. A ala, de 28 anos, sumará o duodécimo ano defendendo o conxunto da súa bisbarra.
“Para min é un orgullo moi grande. É o equipo da miña vida, a miña casa, a miña xente. Un lugar especial onde quero seguir crecendo e mellorando”, explicaba a 10 burelista, que decidiu seguir marcando entre as súas prioridades profesionais e laborais o fútbol sala.
“Despois de gañar todos os títulos e ser recoñecido mellor equipo do mundo, agora o obxectivo é repetilo. Será complicado pero traballaremos moi duro coma sempre” reflexionaba Lara, cun carácter cativador dentro e fóra das pistas.
A viveirense cumprirá unha década sen interrupcións na Mariña dende o seu paso polo Poio (2011-12), coa ilusión intacta por seguir cumprindo soños, sempre co traballo por bandeira: “O Burela supérase cada ano confeccionando o bloque. Creo que é o mellor dos últimos anos, pero teremos que demostralo”, explicaba Lara, completando o cadro dirixido por Lucas, con Ale de Paz, Leti, Jenny, Cilene, Cami, Dany, Elena Aragón, Sandra Buzón, Jozi, Peque e Bea Mateos, ademais das novidades de Irene Samper, Elenita e Emilly Marcondes.