A titular de Mar salientou que ata a semana pasada as lonxas galegas recibiron máis de 230 toneladas deste cefalópodo, un 3% máis que a media histórica, e ingresaron máis de 2,1 millóns de euros pola súa venda, un 63% por enriba da media da serie, que se remonta á campaña 2004-2005.
Rosa Quintana incidiu en que estes datos veñen a confirmar os bos presaxios de finais da campaña pasada, cando a información obtida polos profesionais do sector e polos técnicos da Consellería do Mar apuntaban a unha mellora do estado da especie tanto polo volume de capturas como polo recrutamento de xuvenís. Trátase dunha mellora do recurso á que tamén contribuíu a fixación, de acordo co sector, dunha veda de dous meses para a captura da especie, a máis longa dos últimos exercicios.
No caso da lonxa de Bueu, nas primeiras semanas de campaña comercializou máis de 4.500 quilos de polbo e facturou arredor de 40.000 euros pola súa venda. No caso das capturas, son cifras que roldan a media histórica e triplican as do ano pasado, mentres que os ingresos superan nun 30% a media rexistrada nos exercicios anteriores e cuadriplican os obtidos nas primeiras semanas de pesqueira posteriores á veda de 2020.
A titular de Mar lembrou que a campaña do polbo 2020-2021 foi anómala e que a evolución do polbo adoita ser cíclica. Nela, ademais da actividade pesqueira, inflúen outros factores como os medioambientais e os climatolóxicos, que poden provocar descensos puntuais nas capturas. Neste sentido, incidiu en que os datos obtidos ata agora e a abundancia de xuvenís que hai no mar, constatada tanto polo sector como polos técnicos da Consellería, debería garantir o desenvolvemento sustentable da pesqueira nos vindeiros meses.
Este encontro coa confraría de Bueu enmárcase no contacto permanente da Xunta co sector para avaliar as súas necesidades e analizar a evolución da súa actividade. No caso do polbo, as partes realizan un seguimento constante da súa situación a través da comisión de seguimento do plan de xestión da especie, no que analizan o seu estado e adoptan as medidas máis oportunas para o desenvolvemento sustentable da actividade, como é o caso da ampliación da veda aprobada este ano.