Lugo, 25 de agosto de 2021. A Deputación de Lugo aposta de novo polo Resurrection Fest Limited, a cita musical que converterá un ano máis a Viveiro na capital internacional do hard rock. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitou este mércores o recinto do Resu xunto á Alcaldesa de Viveiro e Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro; Iván Méndez e David Méndez, director do festival e membro da organización, respectivamente; a Directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e outras autoridades.
O Resurrection Fest, que se celebra dende mañá e ata o sábado, conta cunha achega de 50.000€ do organismo provincial para a celebración do evento, que inclúe protocolos adaptados á situación sanitaria. García Porto destacou esta colaboración e recordou que este é “un apoio que vimos dando todos os anos dende a institución provincial dende que este festival naceu, auspiciado de maneira decisiva polo aquel entón Alcalde, Melchor Roel”.
“O retorno do Resu é unha moi boa noticia, para o turismo e a economía da Mariña e da provincia. Estamos a falar dun festival que na súa última edición contou con máis de 100.000 visitantes”, destacou a Deputada. Así mesmo, recordou que “é un evento que xera, segundo ten estudado a Universidade de Santiago, 9 millóns de euros de beneficio, e que acada unha proxección internacional equivalente a unha campaña publicitaria de 14 millóns”.
García Porto valorou que “nunha provincia na que coidamos e na que poñemos en valor as nosas tradicións milenarias, somos capaces de xerar tamén novos sinais de identidade. Somos a provincia do Camiño e da Muralla. Temos monumentos artísticos e naturais, como a praia das Catedrais ou os canóns da Ribeira Sacra. Pero somos tamén a provincia onde se rodan películas que triunfan en Cannes e o lugar onde se celebra un dos mellores festivais do mundo, como é o Resu”.
O programa
Mañá arranca o Resurrection fest coas bandas Kreator, Angelus Apatrida, No Turning Back, Devil In Me e Aphonnic. O venres 27 de agosto será a quenda de Eluveitie, Jinjer, Crisix, Bala e Bellako, e, o sábado, os asistentes poderán escoitar a While She Sleeps, Destruction, The Ocean, Landmvrks ou True Mountains. Tamén haberá retransmisións en directo dos concertos e de actuacións doutras edicións. Pódese consultar a información completa na páxina web www.resurrectionfest.es