Cervo, 20 de agosto de 2021. O Concello de Cervo segue a apostar neste verán pola conciliación familiar a través dun completo programa de actividades lúdico-educativas enmarcada no programa bautizado como “Cervo Concilia”, que se desenvolverá ata o 8 de setembro, coincidindo co comezo do curso escolar, en horario de 9:00 a 14:30 horas.
60 pequenos/as de entre 3 e 12 anos participan cada día nesta iniciativa municipal de balde, organizados en grupos burbulla para garantir a seguridade, e dirixidos por un equipo humano conformado por 10 monitores/as.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Educación, compartiron un anaco cun dos grupos coincidindo cunha das actividades programadas ao aire libre no parque Reina Sofía, en San Cibrao , “unha tónica habitual nesta nova edición na que se priorizamos, sempre que o tempo o permite, as saídas ao exterior, en contacto coa natureza, ademais de promover actividades deportivas cunha importante aposta polas disciplinas individuais a raíz do COVID-19”.
Tal e como explicaron, o programa está a funcionar moi ben, “a pesar das dificultades engadidas pola situación sanitaria, que esixe uns estritos protocolos e unha loxística complexa, “redobramos esforzos e conseguimos o obxectivo de poder ofertar o servizo ao 100% das familias cervenses que quixeron participar”, engaden.
Para os vindeiros días o calendario de actividades contempla teatro, rutas de sendeirismo ou un escape room, e tamén celebrarán unha festa de disfraces, entre outras iniciativas.