Lugo, 6 de agosto de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou, no seu nome e no da Corporación provincial, ao atleta viveirense Adrián Ben por conseguir o diploma olímpico na final dos 800 metros lisos nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. O mandatario provincial quixo transmitir os seus parabéns ao deportista lucense polo quinto posto acadado nunha proba na que tivo opcións de medalla e na que, ata o momento, non chegara ningún español.
Ben quedou a 57 centésimas do bronce nunha carreira lenta na que se mantivo co grupo nos primeiros 400 metros de marcaxe e na que foi quen de avanzar posicións logo dun ataque na curva do 200.
Tomé Roca cualificou de “histórico” o logro acadado polo viveirense nunha final “que vivimos con satisfacción e orgullo todos os lucenses e todas as lucenses”. O Presidente tamén lle transmitiu os seus parabéns “por este importantísimo triunfo” e desexoulle “que continúe acadando multitude de éxitos”.
“Os valores e o traballo de Adrián Ben son un orgullo para todos e todas os lucenses, demostrando que os obxectivos marcados poden acadarse con esforzo constante”, resaltou José Tomé.