A Mariña, 12 de agosto de 2021. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, agradece as mostras de apoio ao Plan de Sostibilidade Turística por parte de todos os membros deste ente.
Cajoto referiuse á xuntanza celebrada onte e na que se tratou a reformulación do orzamento do Plan de Sostibilidade Turística, que está dotado con 2,25 millóns de euros e ao financiamento dos Concellos, que será do 10% do importe total do devandito plan, é dicir 225.000 euros.
O presidente da Mancomunidade dixo: “quero agradecer as mostras de apoio e o consenso para un impulsar un plan tan importante coma éste, que beneficiará a toda a comarca”.
Fran Cajoto agradeceu a actitude ao alcalde de Xove e portavoz do PP na Mancomunidade, Demetrio Salgueiro, “xa que en contraposición ao que fixo o ano pasado, cando me responsabilizou de non ter acadado o plan, soubo rectificar, felicitarme persoalmente, recoñecer o traballo realizado polos técnicos e considerar que o Plan de Sostibilidade Turística beneficiará a todos, xa que é froito do esforzo continuado e conxunto”.
O presidente da Mancomunidade puntualizou que onte non se puido celebrar o pleno previsto, pero sí que tivo lugar unha xuntanza da que posteriormente se dará conta en asemblea.
Cajoto subliñou que “desde a Mancomunidade se solicitará apoio da Deputación de Lugo, como non podería ser doutro xeito, para o Plan de Sostibilidade Turística da Mariña. Este é un proxecto conxunto, que sae do esforzo de todos e cantos máis sumemos e arrimemos a ombreira mellor será. No noso caso, á hora de reclamar orzamentos ou investimentos, farémolo sen ter en conta os tintes partidistas”.