Lugo, 27 de agosto de 2021. O Partido Popular de Lugo considera “un grave erro a pretensión do Goberno de España de incluír ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE)” e recolle a preocupación de amplos sectores da poboación polas graves repercusións que, de levarse a cabo, terá na provincia tal iniciativa. Por elo, os populares xa defenderon iniciativas nos distintos ámbitos institucionais para instar ao Executivo español a desistir de tal intento e, de novo, presentan propostas nos concellos e no Parlamento de Galicia, que foron dadas a coñecer esta mañá en Viveiro. A presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Candia compareceu xunto ao tamén deputado autonómico, José Manuel Balseiro; o deputado nacional e presidente da xestora viveirense, Jaime De Olano; o portavoz na Deputación, Javier Castiñeira; os alcaldes de Xove, José Demetrio Salgueiro, e O Vicedo, Jesús Novo: así como os portavoces populares en Viveiro, Óscar Rodríguez; Ourol, José Hermida, e Muras, María Eugenia Requeijo.
Candia constatou que os ataques do lobo ao gando son frecuentes na provincia, moi especialmente nos concellos de A Mariña occidental e do Xistral, o que supón perdas para as explotacións agrarias. Reiterou que no PP están convencidos de que se o Goberno central executa o seu proxecto de incluír ao lobo no LESRPE o problema agravarase extraordinariamente, porque será moito máis difícil o seu control. Por iso, piden o apoio dos alcaldes socialistas da provincia para que “convenzan ao Goberno” de que renuncie a tal proxecto. Apuntan que “é unha boa ocasión de demostrar ata que punto están na defensa dos intereses dos lucenses”.
Os populares lembran que a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto cos seus compañeiros do goberno provincial, votou na Deputación en contra dunha iniciativa do PP para evitar a inclusión do lobo no LESRPE. Din que parece que, por fin, María Loureiro comprendeu o problema e esperan que, do mesmo xeito, entenda que se o lobo ten especial protección, como pretende o Goberno, a situación será moito máis difícil, porque deixará de ser especie cinexética. Candia di aos socialistas que “afrontar o problema do lobo esixe altura de miras e a colaboración de todas as forzas políticas para buscar solucións e non agravar o problema”.
Candia manifestou que, sen dúbida de ningún xénero, “o intento do Goberno de incluír ao lobo no LESRPE prexudicará aos veciños e aos gandeiros de Galicia porque impedirá controlar a súa expansión”. Así, “empeoraría drasticamente a situación que temos agora”, matiza. Galicia, Castela e León, Asturias (cun Goberno socialista) e Cantabria levan meses expresando a súa oposición a dito proxecto do Goberno de Pedro Sánchez. De feito, o Parlamento de Galicia aprobou, o pasado 16 de febreiro, una PNL do PP, transacionada co Grupo Socialista, para pedir á Xunta que expresara ao Goberno o seu descontento con dito proxecto. Neste sentido, resalta que “O PSOE vota unha cousa no Parlamento galego e outra distinta na Deputación, no Congreso e no Senado opoñéndose a defender os intereses dos gandeiros e dos veciños en xeral”.
Ademais, Candia lembrou que “a Xunta remitiu as alegacións en contra da orde ministerial e o Consello do Estado apoiou a súa posición. O propio Consello do Estado paralizou a tramitación da orde e solicitoulle ao Ministerio de Transición Ecolóxica que motive a inclusión do lobo no LESPRE. É dicir, “pídelle que xustifique a súa decisión unilateral ao considerar que non está acreditado que a protección do lobo sexa necesaria nos termos propostos polo Goberno central. Non considera que o lobo estea desprotexido e, polo tanto, tampouco considera xustificado incluír esta especie no LESRPE. Como xa ten advertido a Xunta, a medida proposta polo Goberno de Sánchez non é proporcional nin responde a criterios obxectivos nin xustificados”.
Axudas para paliar os danos
A nosa comunidade conta cun Plan de Xestión do Lobo dende hai máis dunha década e a Xunta establece liñas de axudas para paliar os danos do lobo e compatibilizar a existencia da especie coa gandería extensiva e, incluso, incrementou este ano o orzamento dispoñible para estas axudas nun 60% e as subvencións á prevención nun 37% con respecto ao ano pasado. Detallou que desde o ano 2016, a Xunta mobilizou preto de 6,5 millóns de euros a través das diferentes convocatorias das ordes de axuda en materia de indemnización e prevención de danos ocasionados polo lobo e o xabaril.
Proposta dos populares
Os populares agardan que o PSOE apoie estas iniciativas coas que solicitar novamente ao Goberno a paralización da tramitación da orde ministerial para incluír a todas as poboacións de lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, deixando de ser especie cinexética. E tamén para solicitarlle ao Goberno de España que as decisións que adopte sobre este asunto conten co máis amplo consenso entre todos os sectores implicados, de maneira que sexa compatible a protección do lobo e a defensa dos intereses dos gandeiros, e o parecer das comunidades autónomas do norte do río Douro, que son as que rexistran un maior censo de lobos.
Por último, a iniciativa popular recolle a proposta de instar á Xunta a que dea continuidade ás accións, iniciativas e apoios desenvolvidos pola administración autonómica e, en particular, á liña de axudas para compensar os danos producidos polo lobo coa maior axilidade posible.