Ribadeo, 13 de agosto de 2021.- O Partido Popular pide ao Goberno que encargue con carácter inmediato un estudo de viabilidade técnico-económica para conectar A Mariña con Lugo e con Santiago. Así se especifica na Proposición Non de Lei (PNL) presentada no Congreso e que inclúe esta análise no prazo de 6 meses. Así o anunciaron este venres en Ribadeo a presidenta provincial, Elena Candia, o vicesecretario de Participación do PP, Jaime De Olano, o senador José Manuel Barreiro, e o voceiro do Grupo Municipal Popular neste municipio, Daniel Vega.
“Estamos seguros de que é viable nos dous sentidos pero queremos que haxa un estudo completo para que o Goberno non teña escusas, como tantas outras ocasións”, sinalou Candia. E é que a proposta dos populares contribúe a vertebrar esta comarca co resto da provincia e de Galicia, xa que prevé a construción de 75 quilómetros de liña férrea entre a actual liña Lugo-A Coruña nun punto entre Baamonde e Begonte, e a localidade de Barreiros; así como, outros 30 quilómetros entre Curtis e Ordes.
“As infraestruturas son instrumentos para eliminar desigualdades. Ademais, nun momento no que o uso deste transporte é máis sostible, incluso sería moito máis defendible medioambientalmente. Por iso, remarcou, lideramos esta reivindicación que é de xustiza e necesaria”.
Chamamento á responsabilidade dos socialistas
A este respecto, a presidenta provincial e deputada autonómica, convida aos socialistas da Mariña a que se comprometan “de verdade” co ferrocarril da cornixa cantábrica e tilda de “insuficientes” os servizos de media distancia que comezaron a funcionar en xullo logo de 469 días de parón, como así o demostra a coñecida falta de espazo ou de revisores.
O Partido Popular fai un chamamento claro aos socialistas respecto deste asunto, “pois, non pode ser, indica Candia, este recorte de servizos e de trato sen piedade a unha comarca que, se lle quitas Alcoa, como se está facer; e as infraestruturas, quedará morta de todo”. E é que, apunta, “ter unha boa conexión por tren é irrenunciable e fundamental para garantir a mobilidade dos usuarios habituais e da xente que nos visita nestas datas”, afirma.
“Corrixir o agravio”
A tamén deputada autonómica apela á responsabilidade dos representantes do Partido que goberna no Estado, xa que, di, “teñen unha oportunidade de corrixir o que agravio que fixeron cos Orzamentos”. “O PP pedira emendas concretas sobre este asunto e foron todas rexeitadas. Aos principais proxectos que vertebran A Mariña, como tamén é o caso da A-74, non lles tocou nin a pedrea”, denuncia. Por iso, Elena Candia agarda que “desta volta recollan a nosa petición e que o PSOE lucense se faga oír en Madrid para que evitar que esta comarca sexa continuamente noticia polo castigo e pola falta de compromiso do Goberno”.
“Dende que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, A Mariña só está a ser noticia pola situación da factoría de San Cibrao, co conseguinte lastre para o emprego, para a actividade industrial e a economía da comarca; polo déficit de infraestruturas, ao paralizar absolutamente a autovía que estaba proxectada; e polos recortes e deficiencias nesta liña ferroviaria. Que non nos veñan, por tanto, con contos porque os feitos indican que esta comarca non lle debe nada ao Partido Socialista, xa que o único que nos fixeron e fan é quitarnos o que tiñamos”, afirmou con rotundidade.
O PP, comprometido
Pola conta, detallou a presidenta, “o PP si que está comprometido cos mariñaos”. Neste senso lembrou que os populares pediran en novembro de 2020 no Congreso dos Deputados que o Executivo de Sánchez “non soterrase” a A-74 e a liña de Feve, propoñendo un investimento superior aos 9,3 millóns de euros, dos que, precisamente, 2,5 millóns eran para a renovación da liña Vegadeo-Ferrol, e que permitirían modernizar as infraestruturas e o material rodante do tren de vía estreita que comunica a cidade ferrolá con Ribadeo.
A proposta pretendía garantir unha partida suficiente para ofrecer un servizo de calidade aos 240.000 habitantes das comarcas de Ferrol, Ortegal e de A Mariña que, nos últimos anos, se viron afectados polo deterioro do servizo en horarios e frecuencias, pola redución de persoale pola falta de mantemento e de investimento para a mellora da vía; o que provocou constantes avarías e, polo tanto, a redución da mobilidade da comarca.