Burela, 6 de agosto de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela condena o voto en contra do grupo de goberno, o PSOE, e o grupo do BNG á proposta popular para executar as obras de conexión das vivendas da zona de Ril á rede de saneamento municipal. O voceiro, Manuel Rouco, considera “sorprendente” que se neguen a apoiar a prestación dun servizo básico para os veciños de Burela.
Rouco engade, ademais, que “é máis criticable aínda porque o propio alcalde se comprometera no ano 2015 cos veciños da zona a executar estas obras”. E tamén considera “incrible” que “agora o BNG vote que non cando noutros debates plenarios coma o dos orzamentos esixía realizar este tipo de obras”. Os populares, pola súa banda, amosaron a súa “coherencia” levando este tema a pleno despois de ser un dos proxectos que figuraban no programa electoral das últimas eleccións municipais.
Unanimidade a unha iniciativa do PP
O Grupo Municipal Popular logrou na sesión plenaria deste xoves o apoio unánime á súa moción para instar ao Goberno de España a condonar a débeda xerada pola liquidación negativa da PIE de 2020 “de cara a paliar as graves consecuencias que terá sobre os concellos no vindeiro ano 2022”. Os populares explicaron que “isto suporía un aforro para as arcas municipais duns 300.000 euros”.
“A unanimidade chegou despois da surrealista postura do PSOE que pasou de anunciar a súa radical oposición á iniciativa á abstención ata, finalmente, votar tamén a favor. Isto demostra -segundo o voceiro popular- a falta de coherencia e de ideas claras por parte do goberno do sr. Llano que foi modificando a súa posición ao ver que se quedaría só, tras anunciar o BNG o seu voto favorable, en contra dunha proposta en beneficio dos bureleses”.
Vergoñento descoñecemento do funcionamento do pleno
Rouco cre que “é vergoñento que o sr. Llano, despois de 14 anos en primeira liña política, descoñeza o regulamento sobre a celebración das sesións plenarias”. Así o manifesta en relación á súa intención de “votar en conxunto varias mocións ou mesmo tratar de negarlle a segunda quenda de exposición á vicevoceira popular, Yovana Oroza, antes de proceder ás votacións. É lamentable que descoñeza o funcionamento dos órganos de goberno municipal”, manifesta. E no caso de que fora totalmente consciente, “é condenable que pretenda quitarlle a palabra á oposición cando trata de intervir de forma respectuosa no seu turno”.