A Fonsagrada, 19 de agosto de 2021. O voceiro popular da Fonsagrada, Jose Regueiro, vén de instar ao goberno local a solicitar á Xunta de Galicia as axudas que a Xunta dirixe aos concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local.
“Tendo en conta que o actual vehículo co que conta a Policía Local no noso municipio está totalmente desfeito”, Regueiro considera unha boa oportunidade para o Concello solicitar esta axuda do Goberno galego financiada polo Fondo de Compensación Ambiental.
O popular explica tamén que “esta iniciativa permitiría dotar ao noso concello de medios adecuados para o exercicio das funcións dos corpos de seguridade. Ademais de renovar os medios, a modalidade de renting permítelle á administración local reducir o gasto pola adquisición dun novo vehículo favorecendo, polo tanto, o cumprimento da regra de gasto”. Non esquece o popular que “os vehículos alternativos, híbridos ou eléctricos contribúen na redución de dióxido de carbono”, polo que constitúen “un exemplo próximo de mobilidade sustentable”.
Máis efectivos
Regueiro demanda tamén que o Concello “dote de máis efectivos ao corpo da policía local da Fonsagrada que na actualidade non conta con ningún axente en servizo ante a situación de baixa laboral do axente incorporado trala xubilación dos dous anteriores policías locais”.
O popular critica que “o goberno local non dote de máis efectivos e, polo tanto, non se estea a prestar o servizo no municipio. Hai moito traballo pendente”, segundo sinala Regueiro.
Entre as tarefas que viña realizando a policía local na Fonsagrada, ademais da vixilancia á entrada e saída dos centros escolares, atópase o control do tráfico que agora no verán co incremento de poboación se volve “un descontrol”.
“Outro dos traballos da policía local que están a botar en falta os veciños é a revisión das pistas forestais sobre as que emitía informes en relación ao seu estado, especialmente daquelas afectadas pola saca de madeira”, explica o popular que descoñece “quen se está a encargar dese labor”.