Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica que o goberno local non respecta os dereitos dos bureleses

Burela, 10 de agosto de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela lamenta que “o goberno do sr. Llano non vele polos intereses dos veciños no proceso de tramitación da ordenanza de peches de fincas” e que, aínda por riba, “trate de que o Grupo Municipal Popular non alegue cando tratamos de salvagardalos”.

Os populares explican, a este respecto, que “a regulación do peche de fincas non foi sometida previamente a consulta pública, tal e como fixa obrigatorio a lei”. Pero, ademais, “ante as nosas alegacións, o goberno do PSOE respondeu presentando un informe gobernamental, pero nada garantista que recolle a imposibilidade de que ningún concelleiro da corporación presente alegación ningunha durante o período de exposición ao público. Pero o certo é que existe numerosa xurisprudencia de ordes ditadas por Tribunais Superiores de Xustiza que si o avalan”. Polo tanto, “a lei si que permite aos concelleiros presentar alegacións tal e como fixemos dende o Grupo Municipal Popular para salvagardar os intereses dos bureleses”.

Así mesmo, “o propio informe do Concello revela a incompetencia do sr. Llano á hora de cumprir as ordenanzas que o seu propio goberno aproba”. Concretamente, o informe sinala a necesidade de recoller na ordenanza de peche de fincas determinados criterios xa establecidos pola ordenanza de limpeza e ornato de fincas de Burela en vigor dende o ano 2015”. Polo tanto, “ata agora, o sr. Llano leva seis anos sen facer cumprir esta norma municipal”.

Fincas de Portos de Galicia
O voceiro, Manuel Rouco, explica que “no pasado pleno ordinario celebrado o xoves 5 de agosto, o PSOE presentaba dúas mocións coas que instar a Portos de Galicia a ceder ao Concello fincas da súa titularidade. Unha das parcelas pode ser susceptible de ser empregada polos pescadores; pero o goberno do sr. Llano non contou previamente co consenso do sector pesqueiro”, condena.

Os populares dubidan que sexa acertado solicitar eses terreos para usos municipais ao considerar que “eses terreos poden ser necesarios no caso de ampliación das instalacións do porto. Non se trata de espir un santo para vestir outro”, apuntan. “O alcalde e o seu goberno danlle prioridade á confrontación cunha administración gobernada por outro partido en lugar de defender os intereses dos veciños e do sector pesqueiro burelés”, sentencian.

Tamén sinala Rouco como “outra mostra da incompetencia do goberno do sr. Llano” o feito de que “descoñeza que dende o ano 2018 existe unha lexislación que establece o procedemento polo que o Concello se pode dirixir á administración autonómica para solicitar o uso de parcelas”.

O popular critica, así mesmo, que “a pesar de existir esta posibilidade; o goberno local leva ao pleno unha proposta partidista no lugar de presentar unha proposta da alcaldía seria amparada por un anteproxecto sobre o uso ao que dirixir esas parcelas e que conteña unha memoria económica”.

Os populares aseguran por outra parte que “non podemos apoiar a solicitude de uso da parcela da zona da Limosa por parte deste goberno para dedicala a mirador porque nin sequera é capaz de manter o que xa está feito. O mirador do Monte Castelo está en moi mal estado de conservación a pesar das nosas numerosas reclamacións”, conclúen.

Exit mobile version