Trabada, 14 de agosto de 2021. O portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, critica “a actitude sectaria da alcaldesa” á que lle afea que “empregue o acto de inauguración do centro etnográfico para dar o seu mitin e facer reproches á administración que máis investiu neste proxecto”. Nese sentido, o popular aclara que “a Xunta aportou preto de 300.000 euros para a rehabilitación e musealización deste espazo”.
“Sempre estamos a favor das propostas en beneficio de Trabada e, nesta ocasión, tamén nos parece ben que o Concello poña en marcha este centro etnográfico”. Trátase dun “novo servizo para Trabada, os veciños e un punto de interese turístico para os nosos visitantes”, subliñou Fernández.
O portavoz quixo deixar clara a implicación da Xunta con este proxecto: “o Goberno galego investiu 242.000 euros para levar a cabo a rehabilitación da antiga escola unitaria. Estes traballos de recuperación da cuberta, dos interiores e da fachada que foron rematados no ano 2019 foron financiados ao 100% pola Xunta”.
Agradecemento pola doazón a José Rocha
Os populares amosan o seu agradecemento “ao noso veciño José Rocha pola doazón dos apeiros e outros instrumentos” que se poderán ver neste novo espazo museístico que contribúe a poñer en valor o modo de vida do rural do pasado do municipio e tamén de toda Galicia.