A alcaldesa parece que, tarde, mal e arrastro, empeza a comprender, agora que choven as críticas cidadáns, “a problemática situación que acontece dende hai meses e que se está agravando dende hai un tempo derivada dos animais que aparecen atacados polo lobo, como ovellas, vacas ou cans, e outros que desaparecen”. O texto entrecomiñado está sacado da páxina de Facebook do Concello de Viveiro; no mesmo texto dise que o problema “afecta á provincia de Lugo, e concretamente, entre outros, ao Concello de Viveiro”. A alcaldesa de Viveiro forma parte da Deputación na que o PSOE rexeitou a iniciativa popular para non incluír ao lobo do Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial; por certo, no Parlamento de Galicia acadouse acordo no seu momento.
Rodríguez tamén sinala: “Ten razón a señora Loureiro cando na citada páxina do Concello de Viveiro di que nos últimos tempos a situación empeorou” e “ademais de sucederse os ataques no rural, cada vez estanse incrementando máis na zona urbana, con proximidade ás vivendas, co perigo que esta situación pode implicar non só para os animais domésticos senón tamén para as persoas”. Os populares din que ten razón a alcaldesa de Viveiro: a situación empeorou. O portavoz popular sinala: “E máis empeorará se o Goberno de España non recúa neste asunto. E vostede, señora Loureiro, e o PSdeG serán os responsables, e non lle vale de nada intentar desviar a atención cara á Xunta; a responsabilidade é do Goberno de España, é dicir, do PSOE, que é tanto como dicir do partido ao que vostede representa no Concello de Viveiro”. Rodríguez lembra que o Consello de Estado cuestionou seriamente a orde pola que se incluía o lobo no citado listado de protección especial.
O portavoz popular di: “María Loureiro debe deixar de intentar enganar aos veciños e esforzarse por ser máis coherentes e menos demagoga”. Engade: “Canto mellor sería que falase cos seus compañeiros de Madrid e deixaran as cousas como estaban, porque o lobo xa tiña suficiente protección sen chegar a estes extremos”. Tamén destaca que o Goberno de Pedro Sánchez “ten o rural totalmente desatendido e María Loureiro está facendo o mesmo coas nosas parroquias”.