Mondoñedo, 5 de agosto de 2021. O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda presenta un programa de asesoramento empresarial co obxectivo de revitalizar e impulsar ás empresas agroalimentarias e turísticas do seu territorio. Os obxectivos desta convocatoria son os de mellorar as competencias dixitais do sector empresarial, apoiar o tecido produtivo do territorio na súa actualización, incrementar o grao de adaptación das empresas do territorio á situación actual provocada pola COVID-19 e colaborar co sector primario e terciario de cara ó desenvolvemento económico que abrangue o GDR Terras de Miranda.
As 15 empresas beneficiarias do servizo recibirán unha diagnose detallada coas súas debilidades, fortalezas, ameazas, oportunidades e áreas de mellora, con especial foco no ámbito da comunicación dixital. Tamén recibirán un asesoramento individualizado para a implantación das melloras identificadas e un seguimento da implantación das mesmas.
Seleccionaranse 15 empresas ou persoas autónomas establecidas nos concellos do seu ámbito de actuación: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Os interesados e interesadas deberán cumprimentar un formulario de preinscrición dispoñible na seguinte ligazón: https://tinyurl.com/PreinscricionTerras O período de preinscrición comprende do 5 de agosto de 2021 ao 16 de agosto de 2021.
Unha vez recibidas as solicitudes realizarase unha selección das 15 empresas que participarán no programa, segundo os criterios indicados nas bases da convocatoria, disponibles en https://tinyurl.com/TerrasdeMiranda.