Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro impulsa un dispositivo especial de seguridade durante o Resurrection Fest

Viveiro, 23 de agosto de 2021. O Concello de Viveiro informa que hoxe tivo lugar a Xunta de Goberno Local, copresidida pola Subdelegada do Goberno en Galicia, Isabel Rodríguez López, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, en relación ao dispositivo de seguridade do Resurrection Fest Limited 2021, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de agosto.

Nesta reunión estiveron presentes os representantes dos distintos corpos e forzas de seguridade, concretamente da Policía Local, da Policía Nacional, do Subsector de Tráfico e Garda Civil do Mar, da Policía Autonómica, de Protección Civil e do Parque de Bombeiros de Viveiro. A reunión tamén contou coa presenza de representantes da organización do festival.

Segundo os datos facilitados, o aforo máximo do festival será de entre 1000 e 1500 persoas cada día.

Na reunión deuse conta do exhaustivo protocolo previsto para o interior do recinto, así como das medidas a adoptar polos corpos e forzas de seguridade para garantir a seguridade tanto durante a celebración do festival como despois. Neste sentido, cabe destacar que a Comisaría da Policía Nacional se vai reforzar cunha Unidade de Intervención Policial, unha Unidade da Cabalería e unha Unidade de Guías Caninos.

Durante a celebración do festival, extremaranse as precaucións sobre todo nos momentos de entrada e saída ao recinto. Deste modo, unha vez que rematen os concertos, á 1:00 da madrugada, os corpos e forzas de seguridade continuarán velando pola seguridade e o cumprimento das medidas establecidas pola autoridades sanitarias, con especial atención ao ocio nocturno, ao tempo que se adoptan as medidas oportunas para evitar aglomeracións ou botellóns.

Lémbrase, asemade, que non vai haber acampada e que se van realizar as labores de control para evitar que se acampe.

O Concello de Viveiro recalca que se trata dunha edición do festival adaptada á normativa e ás circunstancias, cun público moi reducido con respecto ás edicións precedentes, nas que se extremarán as precaucións para garantir a seguridade.

Exit mobile version