Viveiro, 3 de agosto de 2021. O Concello de Viveiro vén de asinar un convenio con Correos para que os veciños e veciñas, así como calquera outro contribuínte, poidan dispoñer das oficinas desta entidade para aboar os tributos municipais. Esta nova facilidade persigue axilizar a relación entre a administración e a cidadanía.
Os contribuíntes poderán pagar as obrigacións tributarias e outras de Dereito Público que estean xestionadas polo Concello de Viveiro en calquera das 2.370 oficinas de Correos distribuídas por toda España.
Deste modo, os veciños e veciñas contan cunha canle áxil e sinxela á hora de cumprir cos seus pagamentos. Tamén dispoñen dunha maior amplitude horaria e mobilidade territorial, un aspecto moi útil cando se aproxima o período estival e se realizan desprazamentos a outras provincias.
O Concello de Viveiro busca coa sinatura deste acordo ofrecer á cidadanía e ós contribuíntes este novo servizo de Correos, que aproveita a capilaridade e a cobertura territorial da súa rede de oficinas.