O edil ribadense dixo: “desde a Área de Deportes do Concello de Ribadeo queremos informar que se están a acometer unhas obras de mantemento da cuberta do pavillón polideportivo da rúa Alfredo Deaño, concretamente na parte traseira, onde están os vestiarios e os baños. Nesa zona había unhas filtracións de auga debido á mala construción desa cuberta, que xa deu problemas desde o principio, e ao longo do tempo vanse abrindo máis fisuras e debido ao clima que temos aquí, pola chuvia, hai moitas máis filtracións”.
Díaz Freije explicou que “se lle deu unha capa de illamento, con varias mans dun produto potente, que esperemos que faga efecto e que quede arranxado este problema. Tamén se reparou unha parte da cuberta superior que empezaba a ter filtracións”.
O concelleiro de Deportes subliñou que “esta obra, que ten un orzamento duns 13.000 euros, rematarase nos vindeiros días e esperemos que esta problemática que existía neses vestiarios e baños quede solucionada durante o maior tempo posible”.