Ribadeo, 23 de agosto de 2021. O Concello de Ribadeo está acometendo obras no alumeado de Vilaselán, onde cambia as luminarias existentes por outras de tecnoloxía led. Son 130 as que se van colocar. A concelleira de Obras, Mónica Freire, subliñou que deste xeito se reducirá a factura da luz nun 50% e que descenderá a contaminación lumínica.
A edil declarou que “o Concello de Ribadeo está renovando e mellorando as infraestruturas na parroquia de Vilaselán no que a alumeado se refire, que ata o de agora estaba equipado con lámpadas tradicionais de descarga, para substituílo por luminarias de tecnoloxía led de 4.000 grados kelvin”.
Mónica Freire salientou que “con estas actuacións reduciremos considerablemente a factura de luz, ata un 50%, e ao mesmo tempo descenderán as emisións de efecto invernadoiro. Tamén reduciremos a contaminación lumínica da zona cun sistema de iluminación máis eficiente e con mellor rendemento. Nesta primeira fase temos previsto cambiar unhas 130 luminarias nesta parroquia de Vilaselán”.
A concelleira de Obras en Ribadeo engadiu que “estes traballos de mellora no alumeado se estenderán ao longo do mes de agosto e súmanse a outros feitos tamén noutros lugares como na parroquia de Couxela, onde se cambiaron esas luminarias por unhas de led. A intención desde a área tanto de Obras como de Medio Rural é seguir con estes traballos de mellora no alumeado e estendelos a outros barrios e a outras parroquias de concello”.