As concelleiras de Educación e Igualdade, Mariluz Lastra, e de Obras e Servizos Sociais, Mónica Freire, presentaron a idea das Zonas Cativas que “xurde da necesidade de reimaxinar un novo deseño urbano mais accesible, amable, sostible e mais centrado nos nosos nenos e nenas”.
Mónica Freire dixo que “organismos internacionais, como UNICEF ou Nacións Unidas, a través da súa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, deixan constancia da necesidade de que adaptemos os espazos nos que vivimos e os nosos entornos ás demandas da infancia e adolescencia. Desde o Concello de Ribadeo lévase traballando con estas premisas moitos anos coa creación de espazos verdes, de espazos de xogo, de equipamentos colectivos, de mobilidade no espazo urbano, onde se dea prioridade aos desprazamentos a pé e en bicicleta,… e agora con esta iniciativa de creación de Zonas Cativas o que pretendemos é dar un chanzo mais nesa planificación e xestión urbana, onde deseñamos a nosa vila desde a perspectiva das nosas crianzas”.
Mariluz Álvarez indicou que “esta proposta que presentamos hoxe busca converter os espazos urbanos que usan os nosos nenos e nenas en áreas mais amables a través de formas e de cores lixeiras, ao mesmo tempo que pretende atraela atención dos condutores para que circulen con especial precaución por estes espazos”.
As concelleiras de Obras e Educación subliñaron que “estas Zonas Cativas estarán pintadas con círculos de diferentes cores e diámetros, xogando coa súa concentración na calzada, de xeito que a densidade de circos vaia in crecendo segundo nos acerquemos aos puntos de entrada e saída tanto dos centros escolares como das instalacións deportivas, onde a presenza de nenos e nenas poida ser mais habitual. Os traballos de pintado comezarán ao longo desta semana, e quedarán rematados nos vindeiros días”.