As actuacións previstas suman un total de 24 intervencións en camiños das distintas parroquias do termo municipal mindoniense que foron incluídos polo Concello nos proxectos do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e no Plan Único.
Con cargo ao Plan Marco, o Concello mindoniense mellorará os camiños de acceso a parcelas agrícolas nos núcleos de Seivane, rúa Travesa e Ferrería por un importe de 74.332,72 euros.
O goberno local ten proxectado tamén o acondicionamento de camiños con cargo ao Plan Único. No primeiro proxecto inclúense camiños das parroquias de Masma e Os Remedios que serán licitados por un importe de 48.326,60 euros; mentres que o segundo proxecto recolle o acondicionamento de camiños das parroquias de Argomoso, O Carme, Lindín, Masma, Oirán, Os Remedios, Santiago de Mondoñedo e San Vicente para os que se dirixen 105.626,79 euros.
Neste caso, as actuacións previstas inclúen o camiño de Fondoso, os acceso a Valiño, un camiño en Tronceda, a pista de acceso á igrexa de Masma, o acceso ao cemiterio municipal, un camiño en Vigo, en A Seara, en Centeás, un tramo en Oirán, dous tramos no Outeiro, un camiño no Burgo, outro no Carme, en Valiñadares, Argomoso (Cova do Rei Cintolo), dous camiños en San Vicente e dous en Lindín.
E as actuación correspondentes ao Plan Único 2020, que supoñen o acondicionamento de camiños nas parroquias de Couboeira, Masma e Argomoso; serán licitadas por importe de 18.879,87 euros. Neste caso, será acondicionado o tramo de estrada A Follente con estrada A Furada, no camiño Souto da Retorta e a estrada desde a vía provincial LU-P-3102 a Pausalido.
Mellorar os servizos e as condicións de vida dos veciños
O goberno local destaca que se trata de “numerosas actuacións” que supoñen “un investimento considerable” e que “permitirán mellorar os accesos a núcleos de poboación e parcelas de moitos veciños do noso concello”. Lembran dende o consistorio que “estas actuacións responden ao compromiso deste equipo de goberno de mellorar os servizos e as condicións de vida dos mindonienses para favorecer o desenvolvemento do seu día a día”.