Burela, 21 de agosto de 2021. Cos votos favorables do PSOE e as abstencións do PP e do BNG foi aprobada, no pleno extraordinario celebrado na tarde de onte, unha modificación de crédito de máis de 2,6 millóns de euros, que se destinará á realización de diversas obras neste ano e no vindeiro. Este investimento procede do remanente de tesourería do Concello burelés.
O alcalde, Alfredo Llano, lembrou que “o Concello de Burela ten un remanente de tesourería de 5 millóns de euros aproximadamente. E agora, desde o ano pasado, a través dun acordo de goberno permítese aos concellos que teñen remanente poder empregalo naquelas cuestións que consideren oportunas”.
O rexedor explicou que “as actuacións que se van levar a cabo son integrais, transversais e para todo o concello. Abarcan temas de melloras en rúas e beirarrúas, aforro enerxético, instalacións deportivas, merca de solo dotacional, arranxos en áreas recreativas, edificios públicos, parques, xardíns e prazas, … Todo aquilo que sexa beneficioso para o conxunto da poboación e do concello. Hai moitas actuacións, que se van tratar de acometer algunhas xa este ano e outras quedarán para o 2022”.
Llano insistiu en que “isto é posible porque fixemos unha boa xestión económica durante estes anos, de tal xeito que pagamos todo o que se debía e ademais puidemos aforrar. E agora temos a oportunidade de poder empregalo para que o desfruten todos os veciños e veciñas de Burela”.
Por unanimidade foi aprobada a cesión dun inmoble das antigas vivendas dos mestres á Fundación San Aníbal. O alcalde subliñou que “será destinada a vivenda de emerxencia social, para atender todas aquelas situacións que se poidan producir no noso municipio”.
O pleno extraordinario de onte foi o primeiro que se celebrou de xeito presencial desde marzo do ano pasado: “empezamos a facer as cousas tal e como se viñan facendo antes da pandemia. A sesión foi emitida en directo e así seguiremos cos plenos que veñan a partires de agora, serán presenciais e tamén emitidos en directo para que calquera veciña ou veciño poida seguilos desde a súa casa”.