Site icon Crónica3.com A Mariña

O capi segue

Burela, 20 de agosto, 2021. Un dos grandes baluartes do Pescados Rubén Burela FS, Edu Saavedra (Narón, 1979), seguirá capitaneando a nave de Primeira en 2021-22. Coa renovación do gardameta, que volverá compartir responsabilidades co internacional polaco M. Kaluza e o novísimo Bruno, o cadro de Alberto Riquer estreará a pretempada o vindeiro luns, 23 de agosto, con 17 xogadores.

Con tres porteiros e coa continuidade de Quintela, Pazos, Renato e Nito, formalizaron a súa renovación Iago Míguez, Lucho, Pitero, Álex Diz e Renatinho, regresa Porto e recalan os peches Isma (O Parrulo FS) e Wanderson (Osasuna Magna), o ala Rikelme (Juventude AG) e o pivote Levi (Brasília Futsal).

Con nada máis e nada menos que 23 anos de experiencia en Primeira e 13 defendendo a rede laranxa, Edu volverá custodiar os paus do conxunto da Mariña, demostrando a súa gran solidez. “Estou moi feliz de continuar en Primera un ano máis; teño que darlle as grazas á directiva por seguir confiando en min. Creo que son un porteiro totalmente diferente ao que era con 20 anos; fisicamente atópome moi ben, as lesións estanme respectando, e sigo conservando a ilusión que me fai querer ser mellor en cada adestramento, en cada partido” así se amosaba o capitán laranxa.

A tan só tres días para a volta ao traballo, o 1 do Pescados Rubén Burela FS xa conta as horas: “Vai ser unha tempada difícil, coma todas; xa temos ganas de comezar a traballar co novo míster. Conservamos un bloque importante; temos uns cimentos sólidos para que as fichaxes se poidan integrar axiña. Será un Burela diferente; todos teremos que adaptarnos tamén ao fútbol sala de Riquer; teremos que traballar moi duro para chegar o mellor engrenados posible ao inicio de competición”.

Na portería volverá reinar a complicidade, por terceira campaña consecutiva, con Michal Kaluza: “Estamos demostrando que nos complementamos moi ben, a boa relación entre nós nótase na rendibilidade. Cada un loita semana a semana por gañar o posto na portería” aseguraba Edu, facendo referencia tamén á gran proxección de Bruno García.

Exit mobile version