Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta á Xunta a paralizar a resolución que habilita a pesca recreativa nos portos para consensuar unha nova norma

Santiago de Compostela, 28 de agosto 2021. O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar a Portos de Galiza a paralizar a resolución pola que se levanta a prohibición da pesca recreativa nos portos galegos e se aproba o procedemento para a súa práctica e a retomar “de oficio as reunións da mesa de traballo coas entidades representativas do sector” co obxectivo de “acordar unha norma que non cree agravios e que se poida aplicar garantindo os mesmos dereitos e obrigas para todas as persoas a quen vai dirixida”.
Así o explica a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, quen advirte da indignación das e dos afeccionados á pesca de lecer ante esta resolución do Goberno galego. “Despois de case un ano de traballo coas entidades representativas do sector, saca da manga de xeito unilateral unha delimitación de zonas que non son asumíbeis por ninguén e que establecen unhas condicións que farían esa actividade absolutamente impracticábel”, afonda.

Neste sentido, Pérez explica que “moitas das zonas que se habilitan para a pesca recreativa son perigosas ou inaccesible; noutras non se poden pescar porque quedan en seco coa baixada da marea e noutras, os tramos permitidos son tan reducidos que nin sequera se poderían gardar as distancias de 5 metros entre persoas que establece o propio Portos de Galiza”.

Logo de lembrar que en Galiza existen preto de 80.000 licenzas para a pesca recreativa, a portavoz nacionalista de Pesca asegura que “non é de recibo estar traballando durante meses nunha norma para ordenar esta actividade para rematar descolgándose ao final creando máis problemas dos que xa había”.

Neste contexto, o BNG vén de instar á Xunta a retomar de oficio as reunións da mesa de traballo e a paralizar a resolución xa publicada. Nas distintas iniciativas rexistradas na Cámara advirte tamén dos pasos “erráticos e incomprensíbeis” que continúa a dar o Executivo do PP, “creando excepcións ad hoc para cada caso e promovendo, fóra da norma, pactos entre os distintos sectores”.

“Non consideramos positivo nin moito menos equitativo que se pretendan resolver os casos individualmente e puntualmente en portos concretos segundo a presión que se faga”, asegura a portavoz de Pesca, quen conclúe incidindo na necesidade de que Portos de Galiza “volva ao diálogo e trate de acordar unha norma que non cree agravios e que se poida aplicar garantindo os mesmos dereitos e obrigas para todxs a quen vai dirixida”.

Exit mobile version