Viveiro, 22 de agosto, 2021. O pasado venres no colexio vello de Galdo, realizouse unha xuntanza convocada pola Comunidade de Montes do Castelo xunto coa Asociación de veciñas e veciños de Galdo para tratar coa señora alcaldesa a problemática do lobo á que asistiu veciñanza de parroquias colindantes e tamén membros da asamblea do BNG.
A comunidade gandeira mostrou unha gran preocupación ante o aumento dos ataques que se volveron diarios e sobretodo pola localización dos mesmos, xa que se están desenvolvendo preto dos núcleos de vivendas. Manifestaron tamén a falta de axudas, ou o baixo importe das exisitentes.
Nunha situación tan preocupante, o equipo de goberno chegou coas mans baleiras e sen propostas
Ante as preguntas das persoas asistentes o equipo de goberno ficou calado, sen aportar datos, información ou propostas e cargando con todo o peso na veciñanza á que ademais se lle encomendou a redacción dun texto para entregar na solicitiada reunión coa Conselleira de Medio Ambiente.
Para a concelleira do BNG Míriam Bermúdez, quen interviu a petición do público, non cabe dúbida que a situación do lobo é un problema que vén de atrás, que estamos nunha situación límite ante as inaccións do goberno da Xunta, que ten sen executar o “Plan de xestión do lobo” dende o ano 2008, o que implica entre outras cousas que o censo de lobos non estea actualizado dende o ano 2013 deixando á comunidade gandeira soa, con axudas precarias, sen medidas e sen recursos para combatir a expansión do lobo.
Unha aposta clara desde o BNG
Dende o BNG queremos trasladar o noso apoio á comunidade gandeira con feitos, e facerlles chegar que se teñen presentado este mesmo febreiro no Parlamento Galego, un paquete de medidas para evitar a situación extrema que estamos a padecer co lobo, e que foron reixeitadas polo Partido Popular. Estas medidas consisitían en elaborar un plan estratéxico para a compensación de perdas ocasionadas polo lobo, tamén porpostas para a apoiar a gandeiría cabalar en extensivo, así como medidas de apoio e estratexias de mercado para a comercialización da carne e incluso a creación dun comité de expertos para establecer medidas puntuais en áreas especialmente conflitivas para a cohabitación de gando e lobo como é o caso de Viveiro.
No BNG apostamos pola ampliación das medidas de prevención entre as que se atopan os peches de terreos cando así sexa posible ou a dotación de mastíns nas explotacións así como a potenciación dos recursos económicos, materiais e humanos necesarios que inclúan o asesoramento sobre o territorio, do persoal da Administración para axudar ás persoas que con tanto esforzo desenvolven actividades económicas no medio rural.
Ante a situación extrema que estamos vivindo no concello de Viveiro, o BNG organizará unha reunión en vindeiras datas á que asisitirá o Deputado no Parlamento Galego do BNG nas áreas de Agricultura e Gandeiría á que estará convidada toda a veciñanza que desexe tratar a problemática do lobo.