Viveiro, 2 de agosto, 2021. Na parroquia de Boimente, no coñecido como Camiño Vello que une o lugar de Loureiros co de Abuín, atópase na beira desta pista unha gran catidade de terra como consecuencia do derrumbamento da arribada nun dos laterais, no cal ademais existen árbores en suspensión co consecuente perigo de desprendemento. Nesta mesma ubicación atópase tamén un cepo de gran tamaño que impide, xunto co derrube, a correcta circulación das augas en momentos de choiva acelerando o deterioro da estrada.
Tendo en conta o estado de abandono descrito e co consecuente perigo de que continúen os desprendementos, rogamos se leven a cabo as medidas oportunas para corrixir esta situación.
Aproveitamos a ocasión para instar unha vez máis ao goberno de María Loureiro, a que rectifique a súa postura contraria a desenvolver o Plan de Mellora de Estradas Municipais que lle propuxemos xa en decembro de 2019, pois o actual estado deficitario de moitas das estradas municipais evidencian que as actuacións desenvoltas polo equipo de goberno son insuficientes.