Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro exixe á alcaldía a reapertura inmediata do aparcadoiro da Área Etnográfica da Insua

Viveiro, 14 de agosto, 2021. O goberno local de María Loureiro optou unha vez máis por prohibir, nesta ocasión na Área Etnográfica da Insua pechando o acceso de vehículos a unha zona especificamente deseñada para o aparcamento dos mesmos.

Sen sinais que advirtan do corte do acceso e sen espazo para cambiar de dirección, obríganse aos vehículos a saír marcha atrás, sendo un perigo que evidencia unha vez máis a improvisación e falta de planificación de medidas alternativas.

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, destaca que “prohibir e pechar volveuse unha práctica habitual no goberno de Loureiro, aplicando esta forma de gobernar tan sinxela sen ofrecer alternativas”, e pon uns claros exemplos como o do Matadoiro Municipal ao que Loureiro non quere que o BNG teña acceso á documentación oficial e continúa sen convocarse a comisión solicitada, a prohibición permanente de cans nos areais, aseos públicos pechados como os do templete da música, ou mesmo que a piscina municipal peche os domingos cando desde o seus inicios sempre abriu todos os días da semana.

Uns anos atrás e neste mesmo lugar da Insua, xa fora recortada a área de aparcamento deixando apenas unha pequena zona na marxe dereita e que agora o goberno local remata de eliminala por completo quitando a posibilidade de aparcar na área etnográfica.

Para o BNG non hai dúbidas neste asunto, e exixe a María Loureiro a inmediata reapertura deste aparcadoiro público na súa totalidade chegando até a rampa que descende pola marxe esquerda, tal e como foi deseñada e proxectada polas arquitectas e arquitectos. Os nacionalistas aclaran que si esta medida se levou a cabo por algún tipo de acto vandálico, haberá que estudar as medidas necesarias para facer fronte aos mesmos así como facelos ver, concienciando e mantendo informada á veciñanza.

Por último, no BNG viveirense solicitan retirar os eucaliptos que están nacer por toda a área e o mantemento constante da zona, pois tamén hai que dar exemplo desde a administración pública local tendo as nosas zonas en bo estado e coidadas para que todas e todos as respecten.

Exit mobile version