Viveiro, 10 de agosto, 2021. No pleno do pasado mércores 4 de agosto a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, solicitaba información unha vez máis sobre os trámites concretos que afirmou a alcaldía estar realizando para a formación do terceiro xulgado en Viveiro. A resposta da alcaldesa baseouse novamente en evasivas cuestións, menos en respostar con claridade cales son as xestións concretas que leva desempeñado o seu equipo de goberno, argumentando que non existen documentos formais e que nin sequera ten a obriga de compartir os trámites nin as citacións que están a facer.
Unha vez máis, Loureiro deixa sen información á veciñanza interesada en coñecer os trámites, con afirmacións tales como: “Ti podes preguntar, e cando nós consideremos dicimos a tramitación”, e tamén: “claro que se está traballando, non debo decir aquí a hora, o día e o lugar porque a verdade, non teño por que decirllo.”
Ante a falta de transparencia e de concreción das súas respostas, Loureiro engadiu “gobernar con transparencia é gobernar con transparencia, non poñerme ao seu lado e decirlle todos os trámites que estamos a facer… ou usted está algo perdida ou non sei que pasa”. Non só responde con opacidade, senón que ante a falta de argumento recorre a descalificacións persoais contra a concelleira do BNG, tal e como teñen por costume neste equipo de gober o cando quedan sen argumentos para defender a súa falta de xestión, tal e como fixo tamén o Concelleiro de Obras, Jesús Fernandez Cal, no mesmo pleno.
“En canto ás xestións que realiza o equipo de goberno, critica o que queiras, e se non o conseguimos tamén, fai críticas. Se non lle gusta o que respondo xa non é o meu problema”, afirmacióm da alcaldesa e que remataba acusando sen fundamentos a Míriam Bermúdez, dicindo cousas tales como: “estamos traballando e merecemos un respecto, que usted non nos respeta”.
O ataque persoal da alcaldesa á concelleira do BNG, a falta de argumentos e a negativa a compartir a documentación, deixan en dúbida que se teña realizado un só feito constatable acerca de habilitar un terceiro xulgado en Viveiro.