Burela, 6 de agosto, 2021. O 6 de Agosto de 2018 debatíase no pleno do Concello de Burela unha moción formulada polo grupo municipal do BNG para a retirada da Rúa e do título de fillo adoptivo de Burela ó bispo franquista Eijo Garay. Mais alá do contido do debate, aquel día aprobouse unha emenda de substitución do grupo socialista para a creación dunha comisión. En verbas do voceiro do BNG, Mario Pillado, “Non é unha fórmula que sexa moito do noso agrado pero este é o acordo que se adoptou e que o alcalde prometeu cumprir unha vez que foi elixida a nova cronista oficial. Ademais na nosa vila atópanse mais vestixios franquistas que deben ser corrixidos por Liberdade, Xustiza e Democracia. Por iso na moción solicitamos a creación desa comisión”
Por outra banda Pillado engadiu que “vista a polémica que xerou este tema no pasado, chegando ás descalificacións persoais por parte do Partido Popular, cremos que a comisión pode servir para rebaixar o ton e que o debate sexa tranquilo e sosegado, posto que como dixemos naquel intre Burela non toma represalias, Burela acolle; Burela non é odio, Burela é amor”
Continuou o voceiro do BNG decindo que “evidentemente en canto se forme esta comisión o primeiro que debera abordar debe ser tomar en consideración a retirada da rúa de do título de fillo adoptivo de Burela ó bispo franquista Eijo Garay, como refrexamos na moción”
O Bloque presentou outras iniciativas como as relacionadas coa protectora de animais.
Como é de costume o grupo municipal do BNG presentou a maiores unha serie de iniciativas. Entre elas destacou a proposta de crear un protocolo para a recollida de animais abandonados así como buscar emprazamento temporal mentres non se constrúan as novas instalacións. O voceiro nacionalista dixo que “foi o que nos fixeron chegar dende a sociedade protectora de animais Bigotes e moitos outros veciños, ademais interesámonos polos trámites para a obra de construción das novas instalacións e o tempo estimado de execución, posto que nos parece un tema moi importante para a veciñanza”
Ademais o BNG propuxo que se estreitara a vixilancia en canto ó acceso de turismos nunha rúa peonil, sobre a ocupación da beirarrúa por parte de vehículos que dispoñen de zona de carga e descarga e tamén que se procedera á limpeza de fincas propiedade do concello, ademais das privadas como se anunciou na prensa.