Ribadeo, 22 de agosto de 2021. No concerto de música de cine, que tivo lugar onte á noite fronte ao edificio da Aduana ribadense coa proxección de fragmentos das películas nunha pantalla, a Banda de Música Municipal de Ribadeo interpretou por primeira vez nove das doce pezas incluídas no programa. O concerto contou coa afluencia de numeroso público na contorna do parque de San Francisco.
A Banda ribadense tocou The avengers, de Alan Silvestri; You´ll be in my heart, de Phil Collins; I will always love you, de Dolly Parton; Back to future, de Alan Silvestri; Cabaret, de John Kander; Mission impossible theme, de Lalo Schifrin; Shallow, de Lady Gaga, M. Ronson e A. Rossomando; Bohemian Rapsody, de Freddie Mercury; Eye of the tiger, de F. Sullivan e J. Peterik; The music of James Bond, de Michael Brown; Got you (I feel good), de James Brown; e Sesame street theme, de Joe Raposo. Este último foi o tema musical que interpretaron como bis.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, agradeceu o gran esforzo que tiveron que facer para levar a cabo este concerto os músicos da formación e tamén os operarios municipais que se encargaron da montaxe para esta actuación: Xera, David e Francisco.
O próximo concerto da Banda ribadense está programado para o día da patroa da vila, Santa María do Campo, que se celebra o 8 de setembro.