Viveiro, 30 de agosto, 2021. No pleno de setembro de 2019, presentábamos dende o BNG un rogo para instar ao equipo de María Loureiro á instalación de marquesiñas en Celeiro, o cal decía:
“colocar nos bancos situados ao carón do colexio de Celeiro, no barrio do Chao, dúas marquesiñas ou alternativas similares, e que se identifiquen outros puntos do concello que se atopen nas mesmas circunstancias para darlles igual solución. Do mesmo xeito, se coloque unha marquesiña na parada de bus situada ao carón da gasolineira de Celeiro, que tamén sirva de resgardo para todas as usuarias e usuarios, por exemplo, estudantes dos instituto.”
Nesa mesma sesión a reposta da alcaldía foi:
“Por si no lo sabéis en el BNG, las cosas cuestan dinero”, e que máis tarde remataría por confirmar a señora alcaldesa que “estudarían a necesidade da parada do bus escolar na zona de Celeiro e xunto á Escola de Idiomas”.
Dous anos despois, e a piques de comezar un novo curso escolar, nada se ten feito e as crianzas continúan agardando o transporte escolar á intemperie todo o inverno, polo que rogamos de novo que se proceda á instalación das devanditas marquesiñas neste punto de Celeiro, así como outros puntos do concello.